Gadis inicia hoxe unha campaña de recollida de alimentos para protectoras de animais

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Gadis volve poñer en marcha a campaña solidaria de recollida de alimentos e de produtos de hixiene para apoiar a máis de 60 protectoras.
GADIS ALIMENTA LA AMISTAD
1 Out 2021

Supermercados Gadis volve poñer en marcha a campaña solidaria de recollida de alimentos e de produtos de hixiene para apoiar a máis de 60 asociacións protectoras de animais de Galicia e Castela e León.

Desde o venres 1 de outubro e ata o día 10, os clientes de 195 Gadis de ambas as comunidades autónomas terán á súa disposición un espazo no que poderán depositar artigos para cans e gatos. Como novidade este ano, se o prefiren, teñen a opción de realizar unha contribución económica ao pasar por caixa. A compañía sumará a súa propia achega do 20% do total dos produtos reunidos, tal e como fixo en edicións anteriores.

Voluntarios das protectoras reforzarán este ano a campaña repartíndose por diferentes puntos de venda de Galicia, Ávila, León, Palencia, Salamanca, Valladolid e Zamora. Adoptarán todas as medidas de seguridade pertinentes para a boa marcha da recollida de produtos.

Alimenta a amizade desenvólvese por terceiro ano consecutivo #ante o éxito de participación dos clientes, que mostraron unha gran solidariedade nas dúas iniciativas que se levaron a cabo con anterioridade. Un xesto de xenerosidade que a compañía quere agradecer publicamente. Tamén foi un factor determinante para dar continuidade a esta acción a petición de axuda realizada por parte das entidades, que en 2021 crecen en número ata superar as sesenta.

Todo o que se recade irá destinado a cubrir as necesidades de alimentación e hixiene de animais abandonados. Só en Galicia contabilizáronse máis de 25.000 en 2020. Nas dúas campañas previas, en total entregáronse preto de 120.000 quilogramos de artigos de diversa índole.

Alimenta a amizade desenvólvese coincidindo co Día Mundial dos Animais, que se celebra o 4 de outubro. Esta conmemoración, promovida pola Organización Mundial de Protección Animal, pretende sensibilizar a cidadáns de todo o mundo sobre a importancia de respectar aos seres vivos do planeta. Unha mensaxe ao que se une Supermercados Gadis co desenvolvemento desta acción, que se enmarca no seu programa de Responsabilidade Social Corporativa.

Desde a compañía recálcase o seu compromiso coa Axenda 2030 das Nacións Unidas, plasmada nos dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e, en concreto, co número 17: alianzas para lograr obxectivos.

0.15122604370117