Gadisa fai unha campaña para colaborar coas protectoras de animais

TerraChaXa
4 Out 2019

Supermercados Gadis inicia a campaña solidaria Alimenta a amizade, que ten como obxectivo cooperar con 34 asociacións protectoras de animais de Galicia e Castela e León, entre as que se atopa dúas das Pontes e unha de Guitiriz.

Ata o próximo 10 de outubro, a compañía habilitará un espazo en 193 puntos de venda para que os clientes poidan depositar produtos destinados a cubrir as necesidades de hixiene e alimentación dos cans e gatos abandonados. Gadis sumará unha achega do 20% do total que doen os seus clientes nos establecementos de ambas as comunidades autónomas.

A empresa formaliza con esta campaña a colaboración que veu ofrecendo a diferentes asociacións protectoras durante os últimos anos. A petición de apoio foi unánime por parte destas entidades debido á situación que atravesan #ante o continuo incremento do número de cans e gatos que son abandonados a diario.

Sensibilizar á sociedade sobre a responsabilidade no coidado das mascotas é outro dos vértices desta acción coa que Gadis mostra, unha vez máis, a súa faceta solidaria buscando a implicación dos clientes. Coa súa doazón contribuirán a paliar as actuais carencias das 34 entidades, que proporcionan coidados a máis de 5.000 animais nas súas instalacións das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; Valladolid, Palencia, León, Salamanca, Ávila e Zamora.

A campaña Alimenta a amizade coincide coa conmemoración do Día Mundial dos Animais o 4 de outubro. GADISA mantén así o seu compromiso co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS) promulgados en setembro de 2015 polas Nacións Unidas e en consonancia coa Axenda 2030 marcada pola propia organización. Entre as metas da empresa de distribución figura o apoio a ONGs e entidades sociais, coas que se traballa conxuntamente a través da realización de 2.130 accións anuais.

0.15112209320068