Galegas 8M convoca concentracións en varias vilas da comarca e nas Pontes
Mulleres de toda a comarca organízanse un ano máis para dar voz ás reivindicacións feministas do Día Internacional da Muller.
Durante o vindeiro luns 8 de marzo sucederanse diversas concentracións en Vilalba, Xermade, Baamonde e Muimenta para trasladar á rúa as esixencias dos colectivos feministas baixo o lema Sen Coidados Non Hai Vida. Para ese mesmo día, dende o espazo unitario de Galegas 8M, faise un chamamento a unha folga das mulleres de 24 horas nos eidos estudantil, laboral, de coidados e de consumo.
Debido á situación de pandemia que se está a vivir, as concentracións previstas estarán presididas polo uso da máscara e a distancia interpersoal, ao aire libre e nas prazas das devanditas vilas. As concentracións terán lugar dende pola mañá ata a tardiña, coa primeira convocatoria ás 10 horas na praza do Concello de Xermade e ás 12 horas do mediodía na praza da Constitución en Vilalba. Xa pola tarde, ás 17 horas producirase a convocatoria na praza Maior de Muimenta e pecharase a xornada ás 20 horas coa concentración na praza de Baamonde. En todas elas prevese ler o Manifesto que de maneira conxunta se ten redactado pola plataforma galega, e que se escoitará tamén noutras vilas e cidades de Galicia.
Ademais, dende o Concello de Xermade haberá tamén un acto de colocación de plantas moradas.
Para contribuir á visibilización no espazo público das demandas feministas, chámase tamén ás mulleres a pendurar os seus mandís das fiestras das súas casas, mostrando que a folga é un dereito incuestionable e lexítimo sexa cal sexa a forma na que as mulleres decidan secundala.
Dende a organización da Terra Chá preténdese visibilizar a loita feminista a través de concentracións de menor tamaño repartidas entre as diferentes vilas. Nas diferentes prazas habilitarase o espazo con marcas no chan para manter as distancias entre o público asistente. Ao mesmo tempo remarcan a importancia da mobilización no actual contexto de pandemia, que “evidenciou que a meirande parte do traballo dos coidados seguen a realizarse sen remuneración algunha, e cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente, mesmo a pesares de resultaren actividades esenciais para o desenvolvemento da sociedade.”
A organización deste 8 de marzo produciuse a través de canles tecnolóxicas, recurrindo ás videochamadas e ao chamamento nas redes sociais. Desta maneira garantiuse que en todo o proceso se puidesen manter os protocolos recomendados en materia de saúde.
Desta forma a Terra Chá, coas catro concentracións convocadas, únese aos diferentes actos dispostos para este día que chamán á folga nas catro provincias galegas.
AS PONTES
Seguindo a mesma dinámica, tamén haberá concentración pola plataforma do 8M nas Pontes. Será ás 12.00 horas diante do Concello e seguirán a mesma dinámica que no resto de concentracións.