Galicia brilla no Estatal de Ciclismo Paralímpico con vitorias e emocións na contrarreloxo de Friol

LugoXa | TerraChaXa
En total, repartíronse 20 títulos estatais nunha xornada marcada polo alto nivel competitivo e a emoción
atletas-paralimpicos-friol
25 May 2025

A vila lucense de Friol converteuse este sábado no epicentro do ciclismo paralímpico estatal coa celebración da segunda xornada do Campionato de España en Estrada, dedicada integramente ás probas contrarreloxo. O rápido e vistoso circuíto de 9,4 quilómetros permitiu o espectáculo e o lucimento dos mellores especialistas nacionais en handbikes, triciclos, bicicletas e tándems.

Galicia tivo un protagonismo especial grazas ás vitorias do local Iván Manoel Montero, que se impuxo na clase MH5, e de Mila López, primeira en WH4 por diante de dúas fortes rivais. Ademais, o galego Damián Ramos asinou unha destacada actuación na clase MC4, cunha carreira brillante ante o seu público.

En total, repartíronse 20 títulos estatais nunha xornada marcada polo alto nivel competitivo e a emoción. A proba supuxo tamén o regreso triunfal de Ricardo Ten tras a súa lesión, impoñéndose con autoridade na clase C1, así como o dominio da campioa do mundo Manuela Vos en WH1 e a revalidación do título nacional por parte de Rosa María Sansaloni en WC5.

A contrarreloxo de tándems puxo o broche final cunha exhibición do dúo Nacho Rodrigo–Óscar Hernández, vencedores por diante de outros dous equipos moi competitivos.

Friol consolídase así como escenario de referencia para o ciclismo adaptado, nunha cita que destacou pola excelente organización e polo apoio do público local.

⚙ Configurar cookies
0.16934990882874