Galicia brilla no Máster de Futbolín de Rábade malia a vitoria de Castellón


O Máster de Futbolín celebrado en Rábade entre o 17 e o 19 de abril reuniu a máis de 1.000 xogadores de toda España e reafirmouse como un dos grandes eventos referencia do futbolín a nivel estatal. A competición, cada vez máis profesionalizada, contou cunha destacadísima representación galega que deixou a súa pegada nun torneo marcado pola emoción e o alto nivel.
A parella formada por Tony e Palomo, procedentes de Castellón, proclamouse campioa na modalidade estrela de “en movemento”. Non obstante, Galicia foi protagonista absoluta noutras categorías. O rabadense Mario, xunto co seu compañeiro Guillermo de Outes, acadou o título na categoría combinada, coroándose campións nunha das probas máis completas do torneo. Ademais, Mario foi recoñecido como o mellor xogador da provincia de Lugo, mentres que o lucense Torino recibiu o galardón ao mellor xogador galego do campionato, culminando unha actuación brillante xunto ao seu compañeiro Javi, co que logrou tamén a medalla de prata na categoría de parado.
Outros xogadores galegos acadaron postos destacados nas fases finais. Víctor e Álex, de Lugo e León respectivamente, colgaron o bronce na modalidade de parado, mentres que xogadores coma Adri e Couso, ou Brian e Miguí, loitaron nas semifinais e cuartos con grandes actuacións. O talento feminino tamén tivo presenza galega con parellas como Rocío e Mary, que lograron o bronce en feminino en movemento.
O evento, que pechou coas finais da modalidade de movemento, tamén premiou a Peña Asturiana como a máis participativa, con 72 xogadores inscritos. Este recoñecemento, xunto co espírito de convivencia que marcou toda a fin de semana, reforza o valor social do torneo.
Rábade consolídase así como epicentro do futbolín en España e escaparate do talento galego, nun deporte que continúa gañando afección e recoñecemento a nivel nacional.
