Galicia busca en Chicago novas oportunidades de negocio para o polo aeroespacial de Rozas
Galicia participou na principal feira da industria dos drons a nivel internacional, a Xponential 2019, en Chicago (Estados Unidos), na que a Civil UAVs Initiative, a iniciativa para crear un polo de referencia internacional no ámbito aeroespacial en Galicia, conta cun espazo de seu dentro do pavillón do ICEX.
A participación da Civil UAVs Initiative nesta feira enmárcase no plan de internacionalización da iniciativa, co obxectivo de xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados na iniciativa e contribuír a posicionar a Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil. Ademais, supón unha excelente oportunidade para que as empresas que participan no polo aeroespacial establezan contactos comerciais e poidan identificar as tendencias tecnolóxicas e coñecer as últimas novidades que xa están no mercado.
A Civil UAVs Initiative é unha iniciativa pioneira a nivel europeo co obxectivo de atraer investimento cara o sector aeroespacial galego e desenvolver unha industria arredor dos vehículos non tripulados para uso civil na Comunidade, así como responder aos retos plantexados pola Administración na prestación de determinados servizos públicos.
Así mesmo, no marco do programa educacional da feira, presentarase a BFAero, a aceleradora especializada no sector aeroespacial, que está arrincando a súa primeira edición, co obxectivo de crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor do sector aeroespacial en Galicia capaces de captar, atraer e reter talento.
Adicionalmente, a delegación galega, formada por unhas 30 persoas, visitará stands de empresas e países como China, Francia ou Dinamarca. As entidades que asisten á Xponential 2019 son as multinacionais Indra, Babcock e Boeing -socias da Xunta de Galicia na Civil UAVs Initiative (CUI)-, as empresas galegas Marine Instruments, CERES Gestión Sectorial, Cartogalicia, Proyestegal, Análisis y soluciones de ingeniería, Aerolugo, CINFO, CENTUM Research&Technology, Soluciones y sistemas de información (SIXTEMA) e os centros tecnolóxicos Gradiant e ITG.
A feira XPONENTIAL 2019 constitúe o principal punto de encontro a nivel internacional para o sector dos sistemas non tripulados aéreos, terrestres e marítimos. Está organizada pola Asociación para Sistemas Non Tripulados Internacional (AUVSI, nas súas siglas en inglés) e chega este ano á súa 47 edición. Na pasada edición, visitaron o evento 8.500 persoas e contou con máis de 700 expositores.