Galicia comeza a gañar a batalla contra a avespiña do castiñeiro

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta segue apostando polo control biolóxico para loitar contra a avespiña do castiñeiro mediante soltas do Torymus sinensis, o parasito que xa se asentou nos soutos galegos.
rodaxe armeiroberulfe
25 Oct 2020

A Xunta segue apostando polo control biolóxico para loitar contra a avespiña do castiñeiro mediante soltas do Torymus sinensis, o parasito que xa se asentou nos soutos galegos. Así o avaliou o Goberno galego mediante un informe da Consellería do Medio Rural sobre as accións de loita contra esta enfermidade do castiñeiro e os resultados que se están a constatar desde o inicio da loita biolóxica no 2015.

Neste senso, cabe sinalar que, de modo xeral, as parasitacións obtidas acadan de media un 3% nas zonas de maior superficie de castiñeiros e, polo tanto, de produción de castañas (zonas de soutos do interior de Lugo e Ourense), o que garante o establecemento de poboacións estables do parasito. Con todo, nalgúns dos puntos analizados a parasitación chega ao 20% e, puntualmente, ao 44%. Tendo en conta estas cifras do asentamento do Torymus, constátase que a Xunta comeza a gañar a batalla contra a avespiña do castiñeiro a través da loita biolóxica, mantendo as poboacións de avespiña por debaixo do umbral de danos nas plantas de castiñeiros para Galicia.

Así, dende o ano 2015 que se comezou con este sistema natural, liberáronse un total de 4,1 millóns de individuos deste parasito por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento da Xunta de máis de 5,8 millóns de euros. Arestora trátase do único método existente para loitar contra este organismo e, de feito, o resultado deste tipo de soltas amosa a efectividade desta medida, que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e, incluso, noutros países.

Cabe lembrar que no plan de control deste ano 2020, a Consellería do Medio Rural procedeu á solta de case 1,6 millóns de parasito en 7.524 puntos de Galicia, cubrindo a totalidade dos dezanove distritos forestais. Estas soltas realizáronse en masas continuas de castiñeiro, concentrando o número de individuos con respecto a anos anteriores para instalar poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas.

Ademais, como novidade, colaborouse con diversas cooperativas agrarias para realizar soltas de xeito totalmente coordinado co sector en masas do seu interese, co fin de recuperar o seu valor potencial. Tamén se levou a cabo a realización de mangas, para o establecemento do Torymus nas zonas de gran valor produtivo. Cabe lembrar que a produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto. De aí a importancia de seguir apostando por un método capaz de frear o avance e diminuír os danos que ocasiona a praga da avespiña nos castiñeiros.

Arestora estase coa recollida de bugallas para coñecer o grao de parasitación do Torymus sinensis, logo das soltas desta primavera. Este proceso consiste en seleccionar unha serie de puntos onde se realizaron ditas liberacións do parasito e que se localizan grazas ás coordenadas co fin de recoller información valiosa para a loita contra a avespiña do castiñeiro, doenza que impide a frutificación da árbore.

Xa para o ano 2021, a Xunta prevé soltar outros 1,6 millóns de individuos de Torymus sinensis, o que suporá un orzamento de 2,2 millóns de euros, é dicir, case un 3% máis que o investido no presente exercicio.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16942405700684