Galicia defende a alianza con Francia para reformar o futuro fondo europeo marítimo e de pesca e mellorar a súa eficacia

TerraChaXa | AMariñaXa
14 Maio 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu ao Consello Consultivo de Pesca para Asuntos Comunitarios no que expuxo as reivindicacións de Galicia de cara ao futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que rexerá entre os anos 2021 e 2027. A representante do Executivo galego coñeceu no encontro o acordo acadado con Francia polo que os dous países reclamarán unha maior simplificación do fondo e que se aclaren cuestións que no pasado provocaron retrasos na execución dos fondos. “Temos que facer un FEMP flexible, que prescinda de moita burocracia e dea seguridade xurídica aos nosos profesionais, o que fará máis competitivo o noso sector”, resumiu a titular de Mar.
A xuntanza entre os representantes dos Gobernos autonómicos e do Executivo central para preparar o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da próxima semana abordou a necesidade de adaptar o marco financeiro de apoio á cadea mar-industria á súa realidade e corrixir disfuncións como a falta de axilidade, simplificación e claridade, unhas demandas que inclúe o acordo acadado con Francia. “Síntome tremendamente satisfeita con ese documento pois as súas liñas xerais están no ditame que presentou o presidente da Xunta no Comité Europeo das Rexións”, salientou Rosa Quintana en referencia ao ditame que foi aprobado por ese organismo e por unanimidade en maio do ano pasado.
Entre os asuntos máis relevantes para Galicia está a necesidade de redefinir o concepto de frota artesanal, que na actualidade se limita a barcos de eslora de ata 12 metros e ao emprego do arrastre, co que queda fóra moita frota de artes menores. “Un único parámetro non debe definir o que se entende por frota artesanal. É difícil explicarlle ao sector que un barco de 12 metros acceda a axudas e outro que pesca na mesma zona, as mesmas especies e coas mesmas artes non pode por ser de 12,5 metros”, lamentou a titular de Mar.
Nesta liña, a representante da Xunta tamén reivindicou a necesidade de axudas a novas construcións e modernizacións de buques, unhas achegas que considera necesarias pois contribuirían a mellorar as condicións de traballo a bordo dos pesqueiros. “Esa mellor habitabilidade do barco non vai aumentar a capacidade pesqueira senón que vai facer máis atractiva a actividade e que a xente nova aposte por ela”, remarcou Rosa Quintana.
A conselleira do Mar tamén lembrou a necesidade de modificar o xeito en que quedarán configuradas as axudas ao sector da transformación no futuro fondo, pois elimínanse as achegas directas e empregaríanse instrumentos financeiros. “Trátase de empresas competitivas que teñen que facer fortes inversións para seguir innovando, para mellorar os procesos e aproveitar a excelente materia prima que temos, polo que é necesario manter esas axudas”, apuntou a representante da Xunta.
Entre as reclamacións de Galicia tamén está a de exixir o incremento da porcentaxe de cofinanciamento do fondo do 75% ao 80% e elevalo ata o 85% no caso concreto de actuacións no marco dos Grupos de Acción Local. Mentres, para accións nas rexións ultraperiféricas, a comunidade defende un cofinanciamento do 100%.
“España ten acreditado o que é facer unha pesca sustentable, con caladoiros nos niveles máximos de explotación, e tamén nos caracterizamos por loitar contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. Estamos en condicións de pedir á Comisión e ao Parlamento Europeo que entendan a necesidade de seguir apoiando a este sector tan importante da UE e fundamental nas zonas pesqueiras españolas”, concluíu Rosa Quintana.

0.17672896385193