Galicia despediu o ano 2020 con moita humidade

TerraChaXa | AMariñaXa
Galicia despediu o ano 2020 con moita humidade e temperaturas medias normais segundo o informe elaborado por Meteogalicia
7 Xan 2021

Galicia despediuse do ano 2020 con máis chuvia da agardada e temperaturas normais para esta época. Estas son as principais conclusións do avance do informe climatolóxico de decembro elaborado por MeteoGalicia, que conclúe que o pasado mes de decembro foi, xunto co de 2019, o quinto máis húmido de todo o período histórico de referencia.

O aspecto máis salientable das últimas semanas do ano foi a chuvia, ata o punto de que nalgúns lugares de Galicia as precipitacións dobraron os valores habituais, un dato moi salientable sobre todo tendo en conta que decembro é o mes máis chuvioso. Este exceso de precipitacións fíxose notar sobre todo no oeste da Comunidade, onde a chegada consecutiva de borrascas moi activas durante a primeira semana deixaron valores moi por riba do agardado.

Neste sentido, o informe de MeteoGalicia conclúe que tendo en conta os datos das estacións máis representativas durante o período 1981-2010, en decembro choveu un 67% máis do normal o que fai que o mes poida considerarse como moi húmido en xeral, unha situación moi similar á do mesmo período do ano pasado.

Fronte ao ocorrido coas precipitacións, as temperaturas presentaron un comportamento moito máis normal. Así, cómpre precisar que o mes de decembro empezou coa chegada consecutiva de varios centros de baixas presións, destacando entre eles Dora e Ernest, que deron paso durante a última semana do ano á entrada de ventos do norte e borrascas frías, o que provocou un descenso das temperaturas e mesmo chuvascos en forma de neve por debaixo dos 1.000 metros.

TEMPERATURAS MEDIAS

Este cambio fixo que as temperaturas medias estiveran finalmente moi preto da normalidade, xa que os baixos valores que se rexistraron durante a última semana cancelaron as anomalías positivas coas que arrancara o mes, ao tempo que as máximas frías rexistradas se compensaron cunhas mínimas cálidas.

Así, a temperatura media para este período en comparación cos valores rexistrados entre 1981 e 2010 foi de apenas 0,12 graos por debaixo do habitual, unha anomalía que fai que o mes deba considerarse no conxunto de Galicia como normal e que non haxa que remontarse moito para atopar un precedente máis frío: decembro de 2017.

Polo que respecta ao comportamento do mes por áreas xeográficas, decembro foi en xeral chuvioso pero cunha especial incidencia das precipitacións na metade oeste. Así, a precipitación media acumulada foi de 334 l/m2 e os valores máis altos acadáronse en practicamente a totalidade das provincias da Coruña e Pontevedra e en gran parte da de Lugo, onde se superaron os 400 l/m2. Pola contra, as comarcas de Terra de Lemos e as depresións da provincia de Ourense rexistraron os valores máis baixos, sendo, aínda así, cantidades importantes.

En canto ás temperaturas, o valor medio das máximas en decembro para o conxunto de Galicia situouse nos 10,1 graos. Os rexistros máis altos, neste caso, producíronse no litoral pontevedrés e lucense (con medias próximas aos 14 graos) e os máis baixos, na alta montaña de Lugo e Ourense (lixeiramente por riba dos 0,5 graos).

Polo que respecta ás mínimas, no conxunto da comunidade a media foi de 4,1 graos, acadándose os valores máis baixos en puntos da montaña ourensá, onde non se chegou aos 0 graos, e os máis altos na costa, destacando sobre todo a zona da Coruña, onde a temperatura media das mínimas superou en pouco os 10 graos.

0.19290089607239