Galicia expón ante a UE propostas para o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

TerraChaXa | AMariñaXa
22 Xul 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu a presenza en Galicia da xefa da unidade de soporte estrutural no Atlántico, mar do Norte, mar Báltico e rexións ultraperiféricas, Alenka Kampl, que asistiu ao pleno do Consello Galego de Pesca. Alí os representantes dos diferentes sectores da cadea mar-industria e da Administración galega presentaron á representante da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da UE (DG MARE) o ditame sobre a proposta de regulamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca elaborado por un grupo de traballo creado no seo do Consello Galego de Pesca.
Neste sentido, a titular de Mar valorou como unha oportunidade clave a presenza de Alenka Kampl pois a unidade que dirixe é a encargada do FEMP e deste xeito pode coñecer de primeira man os intereses de Galicia de cara ao futuro fondo europeo de financiamento pesqueiro, que rexerá entre os anos 2021 e 2027. Ese documento pretende responder á petición da Secretaría Xeral de Pesca do Goberno central de achegas para os trílogos que se celebrarán proximamente coa nova Comisión e ca Eurocámara para deseñar o regulamento do futuro fondo.
Nel Galicia defende un FEMP flexible e simplificado, que dea seguridade xurídica aos profesionais do mar para facer máis competitivo ao sector. Nesta liña, fixa entre as súas liñas prioritarias o relevo xeneracional, centrando o apoio dos fondos en cuestións como a formación e a mellora da calidade de vida con especial atención á seguridade e comodidade das tripulacións. Tamén nas facilidades para acceder ao sector, a través do apoio a aspectos como a compra de buques, especialmente na xente moza.
O mantemento da competitividade do sector transformador é outro aspecto que está entre as prioridades de Galicia que reflicte o ditame. Neste eido Galicia defende a necesidade de modificar o xeito en que quedarán configuradas as axudas ao sector da transformación no futuro fondo, pois elimínanse as achegas directas e empregaríanse instrumentos financeiros.
Entre as reclamacións da comunidade autónoma galega tamén está a de exixir o incremento da porcentaxe de cofinanciamento do fondo que actualmente é do 75%.
Este dictame aprobado no pleno do Consello Galego de Pesca complementa o traballo realizado por Galicia nun informe no que participou o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e no ditame do Comité Europeo das Rexións que liderou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que foi aprobado por unanimidade por este organismo en maio do ano pasado.
Outro dos asuntos tratados na reunión do Consello Galego de Pesca foi a proposta da Comisión Europea en relación ás posibilidades de pesca para o 2020, un ano que será clave para a frota tendo en conta que todas as pesqueiras deben ter acadado o Rendemento Máximo Sustentable (RMS), é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock, e que estará marcado polo desenvolvemento do brexit e pola obriga de desembarque.
Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que na xuntanza de hoxe a Xunta propuxo ao sector a elaboración dun ditame sobre as posibilidades de pesca para o 2020. Para a súa determinación Galicia defende a flexibilización e que se teña en conta o bo comportamento dos stocks de peixes nas zonas nas que faena a frota española e a galega en particular, onde a maioría das poboacións se atopan no RMS.

0.14143300056458