Galicia insiste na importancia de manter o equilibrio entre os aspectos medioambientais e socieconómicos

TerraChaXa | LugoXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé en Bruxelas na necesidade de manter o equilibrio nos eidos medioambiental, social e económico á hora de determinar as posibilidades de pesca.
21 Dec 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé en Bruxelas na necesidade de manter o equilibrio nos eidos medioambiental, social e económico á hora de determinar as posibilidades de pesca. Un aspecto, sinalou, que puxeron enriba da mesa varios ministros de diferentes países, entre eles España, Alemaña e Portugal, durante o Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que se está a celebrar na capital belga e no que Galicia acompaña ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas de España.

Esta coincidencia e defensa común na liña do que establece a Política Común de Pesca, subliñou Rosa Quintana, “é unha boa noticia, pois consolida a tese que vimos defendendo desde Galicia e desde España”. Nesta liña, Rosa Quintana, puxo unha vez máis en valor o labor e os esforzos do sector na xestión e lembrou que a maioría das pesqueiras nas que faena a frota galega se atopan en bo estado biolóxico, en niveis de rendemento máximo sustentable (RMS).  

En relación ás perspectivas de especies como a pescada e o xurelo, fundamentais para a frota galega tanto en facturación como en volume de descargas, a titular de Mar lembrou que Galicia aportou tanto ao Goberno central como á Comisión Europea dous informes de impacto socioeconómico sobre os recortes propostos pola Comisión Europea nas posibilidades de pesca para ambas especies. 

No caso da pescada sur -para a que a comisión presentou unha proposta de redución do 20%-  manifestou que hai marxe para conseguir manter o Total Admisible de Capturas deste ano. Deste xeito, explicou a conselleira, teríamos unha recuperación da biomasa dun 47%, polo que “defendemos que se manteñan as posibilidades de pesca desta especie” e solicitámoslle ao Ministerio que defendese esta proposta.

En canto ao xurelo -especie para a que a Comisión Europea propuxo un recorte de arredor dun 50% de media entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra- Galicia defende o seu incremento na zona que vai de Fisterra cara ao sur, tendo en conta que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), propón unha suba de máis dun 20%.

Outro dos informes de Galicia para defender os intereses galegos no Consello de Ministros de Pesca é o da cigala do Cantábrico Noroeste, elaborado polo sector coa colaboración da Consellería do Mar e aprobado polo Consello Galego de Pesca. Este estudo mostra que a situación do recurso é mellor da que a propia Comisión Europea recoñece e considera demasiado restritivo o peche da pesqueira. Nesta liña, dentro da delegación española que participa no Consello de Ministros de Pesca da UE, Galicia defende que se permita ao sector realizar a extracción desta especie. 

0.21702218055725