Galicia pide un protocolo de actuación para os posibles enfermos a bordo dos buques

TerraChaXa | LugoXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, enviaron unha carta ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, na que lle trasladan a necesidade de que o Estado estableza un protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos por coronavirus a bordo dos buques.
29 Abr 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, enviaron unha carta ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, na que lle trasladan a necesidade de que o Estado estableza un protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos por coronavirus a bordo dos buques. Ese protocolo, explican os representantes da Xunta de Galicia, debería definir claramente as competencias e funcións de cada departamento implicado na xestión destes casos co obxectivo de conseguir unha maior eficiencia e eficacia tanto no uso dos medios dispoñibles como na atención ás tripulacións.

Os dous conselleiros explican na misiva que esta petición xorde unha vez comprobado que a notificación e a xestión dos tres casos de buques que chegaron aos portos galegos con tripulantes sospeitosos de estar contaxiados por COVID-19 foi diferente en cada un deles. Esa situación, aclaran, débese á inexistencia dun protocolo claro e efectivo de actuación para dispoñer os medios oportunos para a atención dos tripulantes á súa chegada a porto.

Neste sentido, o Executivo galego lembra que as disfuncións nas comunicacións e procedementos de xestión destes casos podería derivar nunha atención ineficiente ou no menoscabo na utilización de medios en caso de esperas nos peiraos por dilacións ou adiantos nas comunicacións de chegada aos portos das embarcacións afectadas.

Por iso, tanto Rosa Quintana como Jesús Vázquez Almuiña trasladan a Salvador Illa a vontade da Administración galega de colaborar co Instituto Social da Mariña (ISM), que é o competente na materia, para axilizar calquera trámite neste sentido e poder contar cun protocolo o antes posible dado que así o solicita o propio sector afectado, con milleiros de profesionais que desenvolven o seu labor a bordo de buques pesqueiros.

No seu escrito os titulares de Mar e Sanidade da Xunta expoñen a necesidade de definir o protocolo de actuación en distintos ámbitos co obxectivo de que a frota e as propias administracións poidan ter claras as pautas de comportamento durante a estancia do buque no mar, no momento do traslado a terra dos tripulantes e nos períodos previos ao embarque.

Actuación en distintos eidos

No primeiro dos casos, na atención en alta mar, o Executivo galego lembra a importancia do labor do ISM na asistencia sanitaria dos traballadores do mar a bordo e no estranxeiro e solicita que se reforce a comunicación a través do Centro Radio-Médico para canalizar e atender de xeito eficaz os posibles casos de coronavirus. Ao mesmo tempo, pide que se aclare o papel das mutuas, dado que os contaxios de orixe laboral e as correspondentes corentenas teñen a consideración de accidente de traballo.

En canto ao traslado a terra dos tripulantes, as Consellerías do Mar e de Sanidade póñense a disposición do Estado para colaborar no envío da información de tripulantes afectados, a hora e lugar de chegada a porto, a disposición de medios de atención e as instrucións de actuación aos seus posibles contactos tanto a bordo como en terra de acordo coa área sanitaria correspondente ou os hospitais de referencia así como dos medios dispoñibles.

No referente aos momentos previos ao embarque, e de forma clave, a Xunta solicita que o Instituto Social da Mariña incorpore un protocolo de diagnóstico do COVID-19 aos recoñecementos médicos e aos estudos epidemiolóxicos que realiza habitualmente aos tripulantes antes do seu embarque. Neste sentido, o Goberno autonómico lembra que hai factores que reforzan esta posibilidade como o feito de que o ISM conta con cobertura por todo o litoral español, o que permitiría facer as probas nos portos nos que estean as embarcacións, sen que teñan que volver á comunidade na que teñen a súa base.

A ese factor súmanse tamén que o ISM dispón do rexistro das tripulacións de xeito previo ao seu embarque, o que facilitaría a programación e a organización das probas por buques nas súas escalas en porto, e ten acceso aos antecedentes e historias médicas de cada profesional do mar, o que permitiría identificar factores de risco nas persoas afectadas.

O Executivo galego remarca ademais que a realización destas probas polo ISM permitiría homoxeneizar un procedemento non definido ata o de agora e que levou a que organizacións do sector e incluso outros departamentos ministeriais demandasen a realización de probas do coronavirus ás tripulacións galegas antes do inicio das mareas ou de campañas de investigación. Ao mesmo tempo, outras organizacións de armadores solicitaron permiso para a compra e realización de tests pola súa conta, algo que, non obstante, non está permitido co actual marco normativo polo estado de alarma.

A realización de probas, entende o Executivo galego, podería incardinarse no propio labor do ISM e desenvolverse tamén de xeito privado polos armadores, unhas medidas que darían resposta ás comunicacións feitas pola Comisión Europea neste sentido, nas que manifesta a necesidade de facer controis antes do embarque ou de realizar un seguimento dos síntomas dos tripulantes en caso de que sexa imposible acceder a tests de diagnóstico.

Por último, Rosa Quintana e Jesús Vázquez Almuiña móstranlle a Salvador Illa a súa disposición a colaborar na revisión da aplicación dos protocolos e solicítanlle a incorporación da información dos traballadores do mar positivos ás bases de datos correspondentes.

 

0.10500192642212