Galicia presenta o seu polo aeroespacial na feira de defensa e seguridade de Madrid

TerraChaXa | LugoXa
A Axencia Galega de Innovación participou con mostrador propio nesta feira internacional de defensa e seguridade.
feria aeroespacil seguridade madrid
8 Nov 2021

A Axencia Galega de Innovación (Gain) participou esta semana na Feria Internacional de Defensa e Seguridade (FEINDEF 21), un foro de referencia no sector da defensa e da seguridade en España que busca promover a innovación, a cooperación internacional e o intercambio de coñecemento entre empresas, institucións, universidades e outros organismos.

Esta feira ofrécelle ás empresas e entidades participantes no Polo Aeroespacial de Galicia a oportunidade de acceder ao novo mercado europeo de defensa, así como ao Fondo Europeo de Defensa da Comisión Europea cunha dotación de 1200 millóns de euros; o programa Eurodrone no que participan Alemaña, Francia, Italia e España e que prevé lanzar unha contratación para o desenvolvemento e fabricación de sistemas de drons; e ao programa Future Combat Air System (FCAS), unha iniciativa de Francia, Alemaña e España para a modernización e cooperación no ámbito da defensa. Estes programas permítenlles aos axentes galegos construír sinerxías entre os ámbitos civil e militar e abrir novos mercados no sector da defensa debido ao carácter dual que teñen as tecnoloxías desenvolvidas en vehículos non tripulados (UAV).

Co obxectivo de presentar os resultados acadados polo Polo Aeroespacial de Galicia e abrir novos mercados para os axentes involucrados na iniciativa, a Axencia Galega de Innovación participou en Madrid en FEINDEF 21 cun mostrador propio. Así mesmo, a Xunta de Galicia convidou ás entidades involucradas no Polo Aeroespacial de Galicia a asistir á feira e foron, entre outras, Babcock, Indra, Boeing, Grupo Tecopy, 3edata, Aeromedia, SRM Consulting, Cartogalicia e Gaerum. Ademais, participaron con mostrador propio Babcock, Indra, Marine Instruments, Asime, Centum ou o centro tecnolóxico Gradiant.

0.18302607536316