Galicia promove o establecemento de novos lazos comerciais das empresas do mar coa súa participación na feira Tutto Food

TerraChaXa | AMariñaXa
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, visitou hoxe a feira multisectorial Tutto Food de Milán, na que a Consellería do Mar participa cun posto de 180 metros cadrados de superficie que acolle a oito entidades coexpositoras vencelladas ao complexo mar-industria de Galicia.
7 Maio 2019

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, visitou hoxe a feira multisectorial Tutto Food de Milán, na que a Consellería do Mar participa cun posto de 180 metros cadrados de superficie que acolle a oito entidades coexpositoras vencelladas ao complexo mar-industria de Galicia. O obxectivo principal da participación da Xunta neste evento, ao que tamén acoden outras empresas galegas de xeito independente, é difundir a calidade dos produtos pesqueiros galegos e favorecer o establecemento de novos lazos comerciais entre as firmas galegas presentes nesta cita e as procedentes doutros países do mundo.

O encontro de Milán, que se celebra cada dous anos, cumpre neste 2019 a súa sexta edición e contará con actividade desde hoxe ata o próximo venres. No caso da Consellería do Mar, trátase da terceira vez que acompaña ás empresas pesqueiras nesta feira.

As entidades galegas que se promocionan neste encontro baixo o paraugas da Xunta son Pescamar, Congelados Videmar, Servytem Global, Cassua, Friscos, Pereira, Conservas Portomar e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). A maiores, outras empresas da comunidade participan no evento de xeito independente, con posto propio. De feito, a directora xeral de Pesca fará un percorrido pola feira para visitar tanto as empresas integradas no stand da Xunta como as que asisten pola súa conta.

Tutto Food Milán

A feira internacional italiana é de carácter bienal e está considerada o maior evento alimentario e o máis importante de carácter multisectorial de Italia. Nela as empresas manteñen encontros para ampliar o seu mercado, reforzar a acción comercial e axudar a pechar alianzas coas que abrir novas liñas de negocio.

0.097146987915039