Galicia solicita o incremento de estudos de dinámica de poboacións das especies pesqueiras de interese para a frota

TerraChaXa | AMariñaXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, solicitou hoxe ao Goberno central a intensificación das campañas de dinámicas de poboación das especies pesqueiras de maior interese para a frota galega.
13 Abr 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, solicitou hoxe ao Goberno central a intensificación das campañas de dinámicas de poboación das especies pesqueiras de maior interese para a frota galega. Así o defendeu en Madrid durante a reunión do Consello Reitor do Instituto Español de Oceanografía (IEO) na que puxo de relevo que a intensificación dos estudos contribuiría a unha mellor xestión das especies de interese en aspectos como a separación de stocks e tamén axudaría a constatar e verificar con estudos científicos o feito que está a trasladar o sector sobre unha suposta maior presenza de especies no caladoiro Cantábrico Noroeste. 

No aspecto de separación dos stocks, a titular de Mar aludiu á posibilidade de facer unha xestión diferenciada das especies como o lirio e a cabala no Cantábrico con respecto ao resto da área Atlántico Nordeste. Neste sentido, argumentou que son especies que nestas zonas teñen diferente xestión e destino das capturas. Ademais engadiu que se trata dunha parte minoritaria do Total Admisible de Capturas (TAC) e que isto posibilitaría xestionalo de xeito diferente para a determinación da cota e dos seus niveis. 

A titular de Mar tamén fixo fincapé na necesidade de realizar informes claros e contundentes á hora de xestionar outras especies como a anchoa, especialmente na zona que vai de Fisterra cara ao sur. Isto, dixo, para atender a cuestións que está sinalando o propio Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) sobre a posible existencia de dous stocks.

En relación á intensificación dos estudos, Rosa Quintana destacou particularmente esa necesidade no caso da cigala, tanto na unidade funcional 25, por fóra do Golfo Ártabro, como a 31, no leste do Cantábrico, que son onde faena a frota galega, que insta a que se reabra a pesqueira, e onde o ICES está reclamando máis datos.

Carreira profesional dos científicos do IEO

Galicia defende ademais que estes estudos de dinámica de poboacións que elabora o persoal do IEO e que recolle o ICES poidan ser considerados como publicacións a efectos de contabilizarse na carreira profesional dos científicos.

Galicia promove esta posibilidade ante as dificultades que hai para que os científicos poidan facer estudos de dinámicas de poboacións e a súa correlación coa carreira profesional no mundo da ciencia. Nesta liña, a conselleira do Mar fixo fincapé na necesidade destes estudos para acadar o mellor asesoramento científico para a determinación dos TAC e cotas.

0.18176293373108