Galiza sen carbón califica as probas en Endesa de "disparate ecolóxico"

TerraChaXa | LugoXa
Este mes conclúen as novas probas de queima conxunta de carbón e residuos orgánicos na central de carbón de Endesa nas Pontes.
9 Nov 2020

Este mes conclúen as novas probas de queima conxunta de carbón e residuos orgánicos na central de carbón de Endesa nas Pontes. A plataforma Galiza, un futuro sen carbón, que as ve como un intento de perpetuar o gran centro de produción de electricidade sucia das Pontes, reclama "transparencia dos seus resultados á empresa e ás institucións. Independentemente deses resultados, é incuestionable a irracionalidade ecolóxica de querer facer da central de carbón tamén unha incineradora de residuos orgánicos (lodos de depuradoras de augas residuais e xurros de granxas)".

Segundo ten trascendido, nas probas de co-combustión na térmica das Pontes empréganse mesturas de carbón (importado de Kazaxistán) e de residuos orgánicos en diferentes proporcións. Inicialmente probouse unha mestura de carbón ao 70% e residuos orgánicos ao 30%. Despois as porcentaxes foron do 60 e 40% e finalmente igualáronse. "Fica claro pois que a alternativa da co-combustión, denominada enganosamente dos biocombustibles, implicaría a continuidade da queima de grandes cantidades de carbón, o combustible fósil máis contaminante", din.

"A das Pontes é a única central de carbón de España, e talvez do mundo, para a que se contempla a posibilidade da co-incineración de residuos como falsa solución socioambiental. E, ao que todo apunta, iso non é debido tanto á iniciativa da propia Endesa como á presión exercida pola Xunta, o Parlamento (co respaldo dos tres partidos que o conforman hoxe), do Concello das Pontes e dos sindicatos maioritarios. E, por se  non abondase, a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica do Goberno estatal tamén amosou o seu apoio á co-combustión, malia supoñer unha transición ecolóxica cara atrás”, engaden.

O colectivo continúa decindo que "a férrea resistencia política e sindical ao fin da insustentable queima de carbón na nosa terra está a chegar a límites inconcebibles, ao apostar por opcións ambientalmente disparatadas que distraen da urxente implementación dunha auténtica transición xusta que non deixe atrás tampouco aos traballadores das auxiliares de Endesa e aos camioneiros. E cando a mobilización social en defensa do clima liderada pola mocidade obriga a agochar posicións trumpianas,  as institucións e axentes sociais defensores do carbón poñen a tope a maquinaria do lavado verde presentándonos o que non é máis que proseguir a queima de carbón, agora tamén con residuos, como un exemplo de economía circular e transición enerxética xusta. Cando é exemplo evidente e notorio de todo o contrario".

"A co-incineración de residuos orgánicos, no caso de ser económicamente rendible para Endesa, suporía a continuidade indefinida dun ou dous dos catro grupos que forman a central de carbón das Pontes, cada un deles cunha potencia de 350 MW.  Endesa consolidaría así un enorme centro de xeración de electricidade sucia e cambio climático, integrado, ademais de por unha central de carbón-incineradora de residuos orgánicos de 350-700 MW, pola veciña central de ciclo combinado a gas natural, de 800 MW, operativa desde 2008. A potencia da central de carbón de Meirama, pechada en xuño pasado, era de 550 MW, mentres que a da incineradora de Sogama é de 50", conclúen.

0.12747812271118