Galiza, un futuro sen carbón mostra a súa disconformidade coas probas de Endesa
Diante das noticias segundo as que Endesa inicia as novas probas para queimar residuos orgánicos mesturados con carbón na central das Pontes, a plataforma Galiza, un futuro sen carbón rexeita a co-combustión de carbón e residuos orgánicos como posible opción de futuro para un ou máis dos catro grupos da central de carbón de Endesa nas Pontes. "En lugar de alentar novas formas de enerxía sucia, o Goberno estatal debería centrarse en tramitar a solicitude de peche da central de carbón das Pontes e en colaboración coa Xunta acelerar a elaboración dun eficaz Convenio de Transición Xusta para a súa área de influencia socioeconómica", din.
Finalmente, as novas probas de queima conxunta de carbón e residuos orgánicos levaranse a cabo este mes. Segundo indican "as primeiras probas realizáronse en 2019, con grande opacidade sobre as súas características e resultados. Daquela seica non demostraron a viabilidade económica dunha alternativa que, lamentablemente, está a recibir o apoio das institucións galegas e dos principais partidos políticos e sindicatos. A falta dun proceso transparente por parte das administracións, o que ten trascendido na prensa é que as probas previstas faranse con carbón importado de Kazaxistán e con residuos orgánicos xerados no tratamento de augas residuais en depuradoras galegas e outras do Estado". A plataforma Galiza, un futuro sen carbón demanda que os resultados destas probas se tornen públicos.
Consideran que a queima dunha mestura de carbón e residuos orgánicos (denominados enganosamente biocombustibles) alongaría o uso do carbón e aumentaría a incineración de residuos. "A co-combustión de carbón e residuos nada ten a ver nin coa transición enerxética nin coa economía circular. É simplemente un intento desesperado de atrasar a inevitable fin do carbón, o combustible fósil máis contaminante e prexudicial para o clima. Presentar a queima de carbón e de residuos, por xunto ou por separado, como un paradigma de sustentabilidade é un insulto á intelixencia", afirman.
Alegan que para ningunha outra central de carbón española (e seguramente de Europa) se contempla a queima de carbón mesturado con refugallos. "É unha posibilidade que nunca se preveu, nin na planificación enerxética nin na de xestión de residuos, nin a nivel autonómico nin a nivel estatal". Endesa asegura que, se os resultados das probas de co-combustión apoiadas pola Xunta e o Goberno español son satisfactorios, retirará total ou parcialmente a solicitude formal de peche da central, presentada o 27 de decembro de 2019. "Isto entraría en flagrante contradición co novo plan estratéxico, anunciado oficialmente hai poucos días por Enel, a empresa matriz de Endesa, segundo o cal abandonará completamente a queima de carbón en todo o mundo antes do 2025", din.
A xuízo da plataforma Galiza, un futuro sen carbón, a transición enerxética debe asentarse no abandono o antes posible do uso de combustibles fósiles (comezando polo carbón, o máis intensivo en emisións de dióxido de carbono), nunha forte redución do consumo de enerxía en todos os sectores e no despregue das enerxías renovables, de forma respectuosa coa biodiversidade e con protagonismo cidadán.