Gandeiros concéntranse ante Lactalis en Vilalba para protestar ante a baixada do prezo do leite

TerraChaXa
A ollos do Sindicato Labrego Galego-Comisión Labregas esta baixada non ten sentido ningún neste contexto de guerra e coa subida dos insumos
concentracion-gandeiros-galegos-prezo-do-leite-vilalba-slg
23 Mar 2026

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) leva alertando dende a chegada das primeiras ofertas no mes de xaneiro dunha posíbel baixada do prezo do leite nun contexto, ademais, de peche de granxas por todo o país. Esta ameaza materializouse a pasada fin de semana cando Lactalis fixo chegar ás granxas a proposta definitiva de contrato para os próximos catro meses. Unha proposta que recolle unha forte baixada que vai dende os 2,5 céntimos podendo chegar até os 6 céntimos en moitos casos, segundo alertou o sindicato.

"Este envío foi o inicio. Tras el, máis empresas foron mandando as súas propostas definitivas ás granxas. Nos últimos dous días foron chegando ofertas de máis empresas e toda elas con notábeis baixadas que poden chegar a ser de 5 céntimos no prezo base", indican.

A ollos do Sindicato Labrego Galego-Comisión Labregas esta baixada non ten sentido ningún. “Non existen realmente indicadores no mercado que fagan pensar nunha baixada do prezo do leite, trátase dunha artimaña das empresas para baixar o prezo en orixe. Os datos indican unha suba de produción mínima nun contexto onde pechan moitas granxas co cal non podemos falar de excedente de leite, só ten explicación se pensamos que pretenden traer leite de fóra ou que queren aumentar o seu beneficio a costa dos de sempre”, denunciou o Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez.

A esta baixada, súmase a subida de custos de produción que nos últimos días sufriron as granxas por mor do conflito en Oriente Medio. “É a tormenta perfecta para que sigan desaparecendo granxas. Á baixada especulativa das fábricas, súmaselle a suba especulativa inmediata coa escusa da guerra de insumos, como o gasóleo -que pasou nunha semana de 0,80 céntimos o litro a 1,60 céntimos o litro-, os fertilizantes, plásticos, etc. Isto fai inviábel a continuidade de moitas granxas no medio prazo”.

Concentración en Vilalba

Ante esta baixada, dende o Sindicato Labrego Galego convocaron unha concentración diante da fábrica de Lactalis -empresa que lidera as baixadas- en Vilalba, "para amosar o rexeitamento a esta proposta, mediante a cal tentan aumentar a súa taxa de beneficio a costa do sector. Esta acción é tan só a primeira. No caso de non paralizarse estas baixadas, as labregas e os labregos do SLG verémonos na obriga de tomar outras iniciativas", din.

“Sen dúbida as primeiras culpábeis da baixada son as empresas, por iso nos mobilizamos neste primeiro momento diante delas”, recoñece Álvarez, quen tamén sinala a responsabilidade do Goberno central e a Xunta de Galicia teñen nesta crise, sobre todo no que se refire a poñer en marcha medidas resolutivas. “Se esta medida de presión diante das fábricas non soluciona a situación, Goberno e Xunta de Galicia teñen que buscar solucións e adoptar medidas que defendan e salven o sector do leite”, engadiu o apicultor.

Dende o SLG resaltan que, con carácter inmediato o Goberno central e a Xunta deben facer cumprir a lei da cadea. “Resulta obvio que unha baixada tan forte nos contratos -de 5 e 6 céntimos ou máis-, xunto á subida dos custes de produción que estamos tendo non cumpre co requisito da lei de que non vendamos a perdas. A proposta feita está por baixo dos custos de produción e, polo tanto, é ilegal”, advertiu Brais Álvarez.

O Sindicato Labrego Galego organizou este acto mobilizador para mostrar o seu rexeitamento á baixada proposta nos contratos do leite que, no caso desta central, poden supor un descenso de 6 céntimos no litro. A concentración tivo lugar diante da fábrica de Lactalis en Vilalba (carretera de Meira, s/n, 27810 Vilalba, Lugo) dende ás 11:00h.

Denuncia na AICA e competencia

Por último, dende o SLG puxeron unha denuncia diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e competencia para que tome medidas, onde salientan a necesidade de afondar nos mecanismos de control e establecemento dos custos de produción. “O que estamos vendo é que a lei é tan flexíbel e pouco concreta que non serve para protexernos”, sinalou o Secretario de Acción Sindical do SLG. “E se a isto lle sumamos a pouca vontade política de poñer as ferramentas en marcha para o control dos custos e garantir que os contratos non estean por debaixo deles, todo fica en papel mollado”.

Dende o Sindicato Labrego demandan unha resposta rápida ante esta crise. "A situación xeopolítica demostra que, como xa se fixo coa COVID 19 ou a guerra de Ucraína, precisamos avanzar na aplicación da lei da cadea, de medidas que garantan a soberanía alimentaria e camiñar cara a sistemas agroalimentarios máis resilientes que soporten mellor as crises cada vez máis numerosas. Esta crise ten solución se quen nos goberna ten vontade real de solucionalo. As empresas non poden campar ás súas anchas. Non todo serve. A economía ten que estar ao servizo da sociedade non do peto ou interese de catro que, como agora, queren facer as empresas. Esta táctica totalmente interesada e comercial compromete o futuro da nosa sociedade, condénanos a desaparecer e á persoa consumidora a depender do que lle apeteza á multinacional de quenda”, resumiu Álvarez.

“Non se pode permitir que acontece isto en ningún sector, e menos aínda o relacionado con algo tan esencial como a produción de alimentos. Por iso exixímoslle ás administración que tomen medidas de verdade e que fagan un seguimento por que se cumpran as leis”, concluíu.

0.12454795837402