Gandeiros de Abadín envían as súas propostas para as novas campañas de saneamento

TerraChaXa
Segunda xuntanza en Abadín de granxas afectadas polas eivas da campaña de saneamento con preparación das propostas
reunion gandeiros abadin slg
4 Nov 2022

Solicitan que se concrete á maior brevidade posible unha xuntanza co conselleiro do medio rural, José González Vázquez.

Gandeiras e gandeiros afectados polas "graves eivas" da campaña de saneamento da Consellaría do Medio Rural (CMR) da Xunta de Galicia reuníronse novamente en Abadín co obxectivo de continuar organizándose para esixir á CMR a subsanación inmediata das demoras e descoordinación neste servizo de sanidade animal.

As granxas afectadas están recabando apoios para presentar á Consellaría un escrito no que, ademais de denunciar a situación destes últimos meses, solicitan que se concrete á maior brevidade posible unha xuntanza co conselleiro José González Vázquez, e presentan unha batería de propostas de mellora.

Unhas das primeiras peticións é que "dadas as características da maioría das nosas explotacións nesta zona (granxas en extensivo)" a campaña se execute a principios da primavera e que se faga o saneamento por barrios e de forma continuada, en lugar do que se fixo este ano que cos equipos con menos persoal se estaban saneando varias parroquias a un tempo prolongándose os traballos, "máis de dous meses nalgún caso".

Propoñen tamén que cando se compre un animal, ou se solicite información dun en Sanidade Animal, que se proporcione en poucos días o seu historial e procedencia en caso de ser un animal que veña dunha zona ou explotación de risco, que non se tarden meses en proporcionar esta información os gandeiros.

Reclaman tamén "que se informe dos criterios xerais de marcado dos animais, en lugar de matar por matar" e que se proporcione a cada gandeiro un informe detallado dos resultados das probas da súa explotación e criterios individuais de marcado.

Que na actualidade en zonas onde aumentaron moito os animais sospeitosos se efectúe a proba IDTBC (Proba de intradermotuberculinización comparada) a todas as reses sospeitosas, e nas próximas campañas se efectúa xa coas primeiras probas no momento de sanear.

Ademais, inclúen que se analice e revisen exaustivamente a vinculación entre zonas ou explotacións, que se posibilite sacar os xatos para a explotación e cebadeiros, que as reses que queden en seguimento, se desbloqueen logo de varias campañas sen reaccionar, que se inspeccione a empresa adxudicataria para verificar a correcta execución do contrato e a dotación do persoal suficiente e que se realice un estudo e seguimento da fauna salvaxe como posible transmisor das enfermidades.

0.151615858078