Gandeiros de Friol e Vilalba distinguidos cos premios Exceleite
Este días foi a entrega dos II Premios Exceleite á excelencia hixiénico-sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca.
Outorgáronse 20 premios por dez categorías entre os que resultaron premiados Ángel Rivas Lamas, de Friol gañou o primeiro na categoría Ecolóxico e Hermanos Prado Carracedo, de Vilalba o segundo en pequeno semiextensivo.
Preto de 5.000 granxas galegas poderían optar a estes premios, todas as que están inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e que, polo tanto, están en disposición de usar o distintivo de calidade Galega 100%. Delas seleccionáronse, con criterios técnicos, as 50 explotacións finalistas e posteriormente os 20 recoñecementos entregados hoxe nun acto celebrado no hotel Spa Attica 21 de Vilalba.
Durante a entrega, a organización destacou que nos primeiros nove meses do ano, os gandeiros galegos ingresaron preto de 36 millóns de euros máis que no 2017, é dicir, un 6% máis, ata superar os 639 millóns de euros en termos globais. Estes datos, son froito do traballo e a seriedade dos gandeiros nas explotacións, que converteron ao sector lácteo no buque insignia do rural galego e conseguiron situar a Galicia como líder indiscutible dentro de España, non só polo seu volume de produción senón tamén pola calidade da súa materia prima.
Sinalouse que a importancia de manter o bo status sanitario da cabana gandeira de Galicia para acadar esa calidade diferenciada e algo que xunto co benestar animal, convértense nas claves deste eido produtivo. Así, continuaranse achegando recursos, para esas campañas de sanidade animal.
Tamén se fixo fincapé no papel protagonista que teñen as mulleres e os mozos nestes premios Exceleite, algo que demostra a remuda xeracional no agro. Así mesmo, recalcouse que nos traballos de investigación asociados á recuperación dos recursos autóctonos gandeiros, intentarase afondar na mellora xenética da raza frisona, para a cal establecerase unha nova axuda dotada con 200.000 euros para fomentar a recría desta especie.