Ganderías da comarca triunfan no Open de Raza Frisona celebrado en Silleda

A vaca Kergo Ozalid 6818, da gandería Lagoa Serabel, de Xermade, alcanzou o premio Vaca Gran Campioa no XXXVII Open Internacional da Raza Frisona, celebrado no marco da V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal se celebrou desde o xoves ata o sábado na Feira Internacional de Galicia Abanca.
Ademais deste título, cuxo galardón foi patrocinado por Abanca e Xenética Fontao, outorgouse o Reserva Gran Campioa, que recaeu en Agr Wickham Flora, da gandería Agroartime, de Gozón (Asturias).
En canto ao XXXII Concurso Autonómico, a vencedora foi Pozosaa Krusader 9450 Xela, propiedade de Casa Pozo, de Lugo. A Reserva Gran Campioa recaeu en Casa-Nova Valana Gold. 1269 ET, de Gandería Carro, de Mesía (A Coruña).
Os premios ás Vacas Gran Campioas tanto Internacional como Autonómica, foron entregados polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen no caso da internacional estivo acompañado polo director de banca sectorial de Abanca, Jesús Combarro, e en de a autonómica polo presidente da Federación Frisona Galega (Fefriga), Manuel Sandamil.
Por outra banda, o galardón de Mellor Criador de Galicia, patrocinado por Xenética Fontao, recaeu Gandería Carro, de Mesía (A Coruña). En canto ao premio ao Mellor Criador Internacional, patrocinado por Delagro, foi para a gandería Ponderosa Holstein, de Lleida (Cataluña), mentres o que segundo posto foi para gandería Cudaña, de Valdáliga (Cantabria).
Estes premios aos mellores criadores foron entregados pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
En total, aos certames presentáronse 159 animais de ganderías procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, Cantabria, Cataluña e Portugal. Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) e a Fundación Semana Verde de Galicia co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, foron xulgados polo suízo Marcel Egli.
OUTROS PREMIOS
Rey 1239 Chief Divina, da gandería SAT Rey de Miñotelo, da Pastoriza, foi a Xata Gran Campioa. No Open Internacional, con premio patrocinado por Ucoga, a esta xata Gran Campioa uniuse como Reserva Gran Campioa Marquet Alyson Dynasty, da gandería Cal Marquet, de Pla de Sant Tirs, en Lleida (Cataluña).
En canto ao XXXII Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga´25, cuxo galardón está patrocinado por Xenética Fontao e Abanca, ademais da Gran Campioa, recoñeceuse á Reserva Gran Campioa, que foi Rey 1246 Dani Brahina, tamén de SAT Rey de Miñotelo.
Ademais, entregáronse os galardóns de Mellor Criadores de Xata. Así, no Autonómico o gañador foi SAT Rey de Miñotelo, mentres que co posto de subcampión alzouse gandería O Rubio, de Santa Comba (A Coruña). No Internacional o campión foi tamén SAT Rey de Miñotelo, mentres que o subcampión foi a gandería O Campgran, de Sant Martí Sescorts, en Barcelona (Cataluña).
MOZOS GANDEIROS
Dentro do programa de concursos de frisón, tiveron lugar o XX Concurso de Novos Preparadores, no que venceu Iker García Amarelle, da gandería O Rubio, de Santa Comba (A Coruña); e tamén o XLII Concurso de Mozos Manexadores, no que a gañadora foi Alba López López, da gandería Quintián, do Páramo.
Estas dúas competicións incluíronse por primeira vez no Campionato Puntuable Clube Xóvenes Gandeiros de Galicia 2025, o cal se puxo en marcha o ano pasado e está patrocinado pola cooperativa Clun. Os gandeiros ata 25 anos participantes nestas competicións de Abanca Cimag-GandAgro sumarán os puntos que consigan en ambas as aos que reciban noutros dous certames centrados en manexo e pelado que se celebrarán en 2025 en Galicia, os cales serán o de Moexmu, en Muimenta, e o de Feiradeza (Lalín). Sumaranse as puntuacións das tres citas e os seis primeiros con maior puntuación participarán no campionato internacional que terá lugar en Bruxelas, o cal xa o ano pasado gañou no seu debut o equipo galego, o cal representaba a España.
Ademais de sumar os puntos obtidos en Abanca Cimag-GandAgro cos outros dous concursos, este Campionato recoñeceu ás maiores puntuacións nesta feira cos premios de Campión e Subcampión no marco de Abanca Cimag-GandAgro. O de Campioa foi para María Otero Naval, da gandería Fontixón, de Castro de Rei, a cal foi terceira no concurso de preparadores e a segunda no de manexadores. En canto ao de Subcampión, recibiuno Iker García Amarelle, da gandería O Rubio, de Santa Comba (A Coruña), o cal foi primeiro no concurso de preparadores e sexto no concurso de manexadores.