Gando de leite: A repercusión do prezo do leite na vida diaria

TerraChaXa
Dous gandeiros relatan o descenso da rendibilidade das explotacións nos últimos anos.
dani taboada gandeiro 2
27 Abr 2024

Dous gandeiros relatan o descenso da rendibilidade das explotacións nos últimos anos.

“Ao final, con todo o traballo que fas non se gaña o que se debería gañar, e isto tampouco axuda a que a xente nova se asente no rural”

O pasado mes de febreiro a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional fixo públicas as sentenzas que confirman as condenas ás industrias que formaban o Cártel do Leite. En total son nove sentenzas, das cales sete confirman integramente os feitos polos que a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia sancionaba en 2019 a estas empresas, e incluso se lle impón a condena en costas por ver desestimado o seu recurso.

Con isto confírmanse as protestas e denuncias públicas do Sindicato Labrego ao respecto das “prácticas ilegais que as empresas executaban para impedirlle ás explotacións cuestións básicas como cambiar de empresa ou reclamar mellores prezos”.

“O pacto de prezos fraudulento establecido entre estas industrias lácteas acabou contaminando á totalidade do sector, que fixou uns prezos artificialmente baixos e impediu ás granxas cambiar de empresa, alterando polo tanto as condicións de mercado. Polo tanto, os prezos do resto víronse afectados, prexudicando a todas as granxas que entregaban leite, o cal podía permitirlles reclamar como afectadas contra o Cártel do leite”, explican desde o Sindicato Labrego Galego.

Daniel Taboada Ferreiro da explotación Pernas e Taboada SC, en San Cosme de Nete, conta que “agora mesmo o prezo do leite está baixo en relación aos custos de produción, de forraxes, pensos e abonos, e segue baixando. Agora baixárono tres céntimos para os próximos tres meses e é posible que de cara ao verán aínda baixe máis, esta situación é bastante insostible”.

Mercedes Morado socia de A Carreira SC, en Labrada, Guitiriz, engade que “o leite neste momento está á baixa, nós levamos un ano renovando os contratos cada catro meses e estamos con Larsa en pastoreo. Tempo atrás estabamos cun prezo estable e cubriamos os custes e sacabamos un soldo, non moi alto, pero agora volvemos a anos atrás”. Para esta gandeira do leite o peor é “a inseguridade do prezo e dos contratos, xa non temos contratos dun ano e o que pedimos é ter un prezo mínimo garantido para poder planificar o futuro e facer inversións”.

“Este é un traballo para todos os días do ano, a xente busca outras alternativas porque ao final, con todo o traballo que fas non se gaña o que se debería gañar, e isto tampouco axuda a que a xente nova se asente no rural”, comenta Daniel. Non só o prezo do leite á baixa dificulta o modo de vida destes gandeiros senón que os prezos de produción que “son altos” para Mercedes afectan de forma directa á rendibilidade do negocio. “Os custos de produción máis ou menos mantéñense, pero se o leite continúa baixando e a forraxe ou o penso non baixa cada vez estamos máis afogados”, conclúe Daniel.

O sector lácteo tamén se ve afectado pola nova normativa PAC que para Mercedes está “redactada por xente que non sabe o que é o día a día nunha explotación. Hai que ver as diferencias en cada comunidade autónoma, unha explotación en Galicia con terreos minifundista e o seu clima non é o mesmo que unha explotación de León ou Andalucía” e Daniel engade que “tes que adaptar moitas cousas ás novas normativas que noutros países de Europa poden ser viables con baixo custo pero aquí non.” Unido a esta problemática atópase a burocracia “as explotacións pequenas familiares afógannos con todo o papeleo que se nos pide, esíxennos o mesmo que ás grandes granxas, que son as que crean a maioría dos problemas ambientais, e non as pequenas explotacións” conclúe Mercedes.

“Ás explotacións pequenas afógannos con todo o papeleo que se nos pide, esíxennos o mesmo que ás grandes granxas, que son as que crean a maioría dos problemas ambientais”

O traballo diario destas explotacións é variado e nunha granxa coma a de Mercedes o traballo de todos os días consiste en “muxir as vacas, alimentar o gando, realizar a limpeza das instalacións, aleitar becerros, alimentar a recría e votar ao pasto aos animais para volvelos a recoller á tarde. Nós estamos en leite 100% pastoreo e os nosos animais sempre saíron pastar salvo días moi malos de inverno”.

Para Daniel “agora a partir destes meses son máis complicados porque é tempo de recoller a forraxe ou de sementar o millo, despois en inverno lévase mellor; neste traballo sempre hai que facer pero dende o mes de outubro xa é máis levadeiro”.

Dentro do sector lácteo existe xa unha alta robotización e contan con maquinaria como arrimadores de comida, robots de muxido, de limpeza ou cepillos para o benestar dos animais. Para Daniel “neste tema avanzouse moito pero os custos das máquinas son altos e ao prezo que está o leite hai moita xente que non pode facer inversións porque é difícil garantir o retorno. Está a diario subindo e baixando e é sempre incerto, o que dificulta a inversión. Hai moitas novidades tecnolóxicas pero cada día son máis caras”. Para Mercedes a tecnoloxía axuda pero “hai que manter un equilibrio e non embarcarse en grandes inversións que unha baixada de prezos implique non poder pagala”. A nivel de recursos tecnolóxicos tamén fai fincapé en internet, que “na zona rural estamos abandonados o que dificulta realizar todas as tarefas administrativas a través das sedes electrónicas”.

Tanto Daniel como Mercedes viviron a súa infancia vinculada ao rural e ao sector gandeiro. Os avós de Daniel xa tiñan gando que posteriormente pasou a ser do seu pai, quen foi aumentando o negocio. Porén para el o futuro laboral estaba vinculado aos camións algo que cambiou debido “ás circunstancias da vida que me trouxeron aquí” e rematou por facerse cargo da empresa familiar. Mercedes sempre foi unha apaixonada por esta vida e na súa casa sempre houbo vacas. “Eu estudei un FP de Administración e Finanzas e despois o rematar de estudar comecei a traballar nunha oficina vencellada á gandería e agricultura durante varios anos. Estaba contenta pero máis tarde fixo falta apoio na casa e deixei o traballo e incorporeime nunha sociedade civil xunto con meu irmán.”

O relevo xeracional é moitas veces difícil dentro deste sector, na zona onde está Daniel “si que hai xente que se estivo quedando pero maioritariamente diría que non hai relevo, a xente busca outras alternativas e se ten posibilidade elixe outras opcións”.

Para Mercedes a situación é parecida “hai moita xente nova que abandona o rural, eu teño 45 anos e son case das máis novas da parroquia e arredores, quedamos uns catro ou cinco da miña xeración, nada máis, nunha zona onde todo é gandaría de leite e carne”. Para ela o máis importante sería “que se potencie máis e se valore por parte das administracións este sector” e tamén “hai que facilitar e impulsar a venda directa dos produtos dos agricultores e gandeiros sen tantos intermediarios.”

Unha das maiores dificultades para Daniel é que “non hai tempo libre, sempre hai que estar presente e tes unha inversión moi grande, de maquinaria, de gando e de todo, para o que realmente che queda a final de mes.” E para Mercedes o peor está “na incerteza dos prezos e sentir que os que somos gandeiros ou agricultores non estamos valorados, cando o sector primario debería ser unha das profesións máis apoiadas”.

Porén, esta profesión tamén ten unha parte positiva, para Daniel a mellor é “a da maquinaria, é o que máis desfruto. Tamén que é un traballo que se leva bastante ben, non é un traballo onde teñas que estar oito horas continuas” e para Mercedes é “que ti es o xefe da túa propia empresa, decides a túa xornada laboral e a vida no rural non é estresante, nalgunhas épocas, claro.”

0.19609189033508