Gardacostas detectou en xullo un 76 por cento máis de infraccións nas praias

TerraChaXa | LugoXa
26 Ago 2019

O Servizo de Gardacostas de Galicia realizou o mes pasado case 150 inspeccións de loita contra o furtivismo nas praias galegas e detectou un total de 67 infraccións. Estes datos supoñen un incremento nos dous casos de arredor do 75% respecto a xullo do ano pasado e son froito do reforzamento dos controis por parte do Executivo galego para atallar tanto o furtivismo considerado profesional como o coñecido como de bañador, realizado por bañistas e turistas. Algunhas campañas para evitar que os bañistas levaran marisco das praias chegaron ás costas da Mariña este verán.

A titular de Mar salientou que a actividade habitual dos gardacostas para frear a actividade irregular nas costas galegas debe complementarse no verán con inspeccións nos areais para evitar que os bañistas prexudiquen o traballo dos mariscadores e lastren os seus ingresos. Estas accións nas praias, lembrou, acompáñanse con iniciativas como a campaña de sensibilización dos cidadáns para facerlles comprender todo o traballo que implica o marisqueo -desde a sementeira do marisco ata a limpeza das praias- e o dano que causa aos profesionais do sector a súa extracción de xeito ilegal.  

Por iso, o Executivo galego reforzou este ano as actividades da campaña 'Non sexas pirata!' co obxectivo de levala ata 45 areais e 35 concellos, fronte ás 35 praias e 21 concellos visitados o ano pasado. Estas accións comezaron a mediados de xullo e desenvólvense ata que remate o mes percorrendo distintas localidades das tres provincias costeiras galegas. 

“O obxectivo é concienciar aos turistas para que coñezan o traballo dos mariscadores, sexan responsables e non extraian marisco”, destacou Rosa Quintana, que lembrou que este é un problema socioeconómico, medioambiental e de saúde, posto que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal supón un risco  para o consumidor ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

A campaña 'Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear' engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar como o proxecto piloto desenvolvido no 2016 de entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil Non piques, non peques, que leva arredor de 12.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo dos produtos do mar. 

CAMPAÑAS. As accións que inclúe esta iniciativa consisten nunha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e dos profesionais desta actividade. Nelas explícanse aspectos sobre as especies autóctonas de marisco, a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo e a dureza deste labor. Tamén se expoñen diferentes actuacións que realizan as mariscadoras e os mariscadores como as sementeiras e a limpeza e cuestións relativas aos talles mínimos. A gastronomía, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade tamén se abordan de xeito ameno e práctico no marco desta campaña. 

 

0.12747597694397