Goberno local e Vilalba Aberta pactan para financiar o plan de axudas a autónomos
O acordo recolle o compromiso de ambas forzas políticas para a votación favorable á incorporación de remanentes de tesourería no pleno extraordinario do vindeiro xoves 5 de agosto.
O Grupo de Goberno do Concello de Vilalba (PSOE) e o Grupo Municipal de Vilalba Aberta veñen de asinar un acordo que subscribe a votación favorable no pleno extraordinario que se celebrará mañá, xoves 5 de agosto, para a incorporación de remanentes de tesourería co obxectivo de financiar unha serie de actuacións consensuadas por ambas forzas. Incorporaranse á anualidade 2021 polo procedemento de modificación orzamentaria un total de 1.414.544,07 euros para poñer en marcha iniciativas que redunden na mellora da calidade de vida de vilalbesas e vilalbeses, prestando especial atención ao mantemento e rexeneración de vías no rural, á humanización e accesibilidade dos espazos do núcleo urbano e ao apoio a pemes e autónomos/as afectados polo peche obrigatorio das súas actividades por mor da crise sanitaria da COVID-19.
O primeiro dos acordos asinados por PSOE e Vilalba Aberta é o relativo á dotación de crédito para o Plan de axudas a autónomos, partida que poderá estar dispoñible tras o peche da liquidación e a incorporación deste crédito extraordinario. Esta liña de axudas, cun importe de 350.000 euros, estará destinada ao apoio do tecido produtivo e social de Vilalba para atenuar as consecuencias negativas provocadas pola pandemia e aliviar a economía dos sectores implicados. Deste xeito, aprobaranse unhas bases para a xestión e distribución de ditas axudas, sendo destinatarias as empresas cuxa facturación anual non supere os 500.000 euros, e aos autónomos/as do Concello de Vilalba sempre que o seu establecemento se vise obrigado a pechar como consecuencia da crise sanitaria ou sectores que se visen especialmente afectados. O importe de cada axuda establecerase en función da actividade que desenvolva a persoa beneficiaria e variará entre os 850 e os 5.000 euros.
O segundo punto consensuado abrangue a dotación de crédito para a execución de diversos proxectos de obra en diferentes vías e rúas municipais. Destinaranse 44.500 euros á pavimentación e rexeneración de vías na parroquia de Samarugo, 68.000 euros para a conservación e mantemento de vías na parroquia de Alba, 60.000 euros á conservación e mantemento de vías na parroquia de Rioaveso, 68.858,34 euros á mellora de vías municipais en Nete, Ladra, Distriz e Rioaveso, 164.000 euros en actuacións de mellora de diversos accesos a núcleos nas parroquias de Goiriz, Corvelle, Santaballa, Lanzós, Román, e outras, 24.982,34 euros no proxecto de mellora no vial de acceso a Bidueiros, 89.057,82 á pavimentación e mellora de vías municipais nas parroquias de Insua, Torre, A Costa e Ladra, 76.746,67 euros no proxecto e renovación da rede de abastecemento de auga nos accesos á Igrexa de Sancovade desde o núcleo urbano, e 169.000 euros á mellora de accesos a barrios de Corvelle, Goiriz, Román, Carballido e Costa. Ademais, tamén se realizarán actuacións no casco urbano de Vilalba, como a humanización da Travesía dos Castros desde o seu cruce coa Rúa do Calvario ata o cruce coa Avenida Terra Chá (142.781,82 euros), aglomerado en Avenida Terra Chá (48.346,98 euros), demolición do parque acuático na área recreativa da Madalena co fin de mellorar as instalacións e eliminar un equipamento que non cumpre coas medidas de seguridade (48.399,19 euros) e o acondicionamento dunha praza na rúa da Emigración (59.870,91 euros).
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, amosouse “satisfeita con este acordo que beneficiará á poboación de Vilalba no seu conxunto”, poñendo de relevo que “poderemos axudar con esta incorporación de remanentes aos sectores máis perxudicados pola crise económica e sanitaria, mellorar as vías e accesos cunha forte inversión no rural, e seguir na senda da humanización e accesibilidade do casco urbano que este goberno ten trazada”. Nesta liña, afirmou que “tanto o grupo de goberno como Vilalba Aberta chegaron a este acordo pensando no ben da veciñanza, cun total de catorce iniciativas que establecemos como prioridades compartidas por ambas forzas”. Veleiro insistiu na “necesidade do diálogo político para artellar propostas, crear sinerxias e aportar solucións que a sociedade vilalbesa nos demanda, polo que nós sempre estaremos predispostos ao consenso na acción de goberno do Partido Socialista”.
Pola súa banda, o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, contextualizou os acordos na necesidade de “cumprir con aqueles veciños/as que desenvolven os seus proxectos de vida nas parroquias”, así como con aqueles/as que “dependen economicamente da supervivencia de sectores produtivos tales como o comercio, a hostalería e o sector servizos, nun contexto tan adverso como o que xerou a crise económica derivada da Covid”. Renda, que defendeu a política do entendemento e do pacto como “única que mellora a vida dos vilalbeses/as”, explicou que o pactado entre Vilalba Aberta e o Partido Socialista supón “un desbloqueo fundamental en termos de políticas de inversión” pois, do contrario, o “concello non tería apenas marxe para executar, o que se traduciría nun ano perdido para Vilalba, xusto no peor momento”.
Ambos representantes coincidiron en afirmar que o acordo é un paso adiante nesta lexislatura, poñendo sempre por diante os intereses da veciñanza de Vilalba.