Goente rende homenaxe ao queixo e ao mel

TerraChaXa
A parroquia pontesa de Goente renderá o domingo, 13 de outubro, homenaxe a dous dos produtos esencias da gastronomía local; o queixo e o mel.
9 Out 2019

A parroquia pontesa de Goente renderá o domingo, 13 de outubro, homenaxe a dous dos produtos esencias da gastronomía local; o queixo e o mel.

O Concello, en colaboración coa Casa do Mel de Goente e Queserías do Eume, organiza a undécima edición da Feira do Queixo e o Mel, unha cita que en palabras da concelleira, Elena López, “é unha cita clásica do outono pontés que permite, á veciñanza e a numerosos visitantes, gozar dos produtos locais e apoiar, de xeito directo, aos pequenos produtores e a un sector da economía local, en auxe, no que cada ano nacen novas iniciativas empresariais e que implican importantes oportunidades socioecomómicas para o noso rural”

A cita, que ten como obxectivo dar a coñecer, promocionar e exaltar os produtos da gastronomía pontesa así como dinamizar o sector primario, arrincará, o domingo, 13 de outubro, ás 10:30 horas coa apertura dos postos de mel e queixo de produtores locais e chegados desde distintos puntos de Galicia, O Bierzo e León. 

O programa de actividades continuará, ás 11.00 horas cun obradoiro de cestería que dará paso a outro de elaboración de queixos ás 12.00 horas onde os participantes achegaranse as distintas fases da súa elaboración.

A partir das 12.00 horas tamén dará comezo unha mostra de xantares , unha proposta  a través da que o Concello das Pontes quere poñer en valor a calidade, versatilidade e potencialidades do queixo do Eume e o mel de Goente, por medio de diferentes degustacións que incluirán unha maridaxe coa única raza autóctona porcina de Galicia: o porco celta.

Nesta homenaxe aos produtos ponteses, o público asistente poderá saborear hamburguesas celtas con crema de queixo de Goente, bolos preñados con chourizo celta e queixo do Eume,  touciño celta regado con mel ou croquetas con salsa de queixo. Esta degustación tamén incluirá un concurso infantil onde se porá a proba o coñecemento dos mais pequenos sobre o queixo e o mel e un sorteo de agasallos entre o público asistente.

Tras o xantar popular, a partir das 16.30 horas, os asistentes máis novos á XI Feira do Queixo e do Mel poderán participar nun novo obradoiro de queixo e ás 17:30 horas, a compañía Kandengue Arts, será a encargada de amenizar a tarde cun espectáculo de teatro e malabares galardoado en múltiples festivais circenses.

Asemade, a partir das 14:00 horas os asistentes poderán degustar os freixós elaborados pola asociación de veciños e a xornada rematará ás 19:00 horas coa entrega de diplomas ós participantes da XII Cata de meles das XX Xornadas Apícolas do Eume, tras a que quedará clausurada esta cita gastronómica.

Por outra banda, durante toda a xornada haberá un posto de comida onde degustar o menú da feira, unha gastroneta que ofrecerá hamburguesas autóctonas e xeado de mel, sorteos de agasallos e, a veciñanza e visitantes poderán facer pequenas compras nos postos de artesanía e produtos ecolóxicos instalados na feira así como participar nun obradoiro de elaboración de candeas, a cargo da Casa do Mel de Goente.

0.1518030166626