Goiriz acolle unha xornada sobre a potencialidade do cultivo de cereais
A I Xornada O cultivo do trigo na Terra Chá, semente de futuro dará pé a toda unha série de encontros e xornadas a celebrar por toda Galiza.
Este vindeiro sábado, día 2 de abril, a Escola de Goiriz acollerá desde as 10:00h da mañá o pimeiro encontro organizado pola Federación Rural Galega en colaboración con distintas entidades asociativas e profesionais do sector para abordar as potencialidades do cultivo de cereais, nomeadamente o trigo, e especialmente, as variedades tradicionais.
"O momento non pode ser máis acaido. Nos últimos anos as investigacións iniciadas desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo deron como resultado a identificación e posta en valor de castes de trigo tradicionais, como o Caaveiro e o Callobre, descobrindo toda a potencialidade destas variedades autóctonas no noso agro. Ao mesmo tempo iniciativas postas en marcha tanto desde o sector produtor como na transformación e comercialización do mesmo na nosa área, así como a crecente demanda de produtos de calidade diferenciada, poñen de manifesto a necesidade do establecemento de sinerxias encamiñadas a fornecer un sector dunha evidente e manifesta potencialidade", din.
No decorrer das xornadas abordaranse as distintas fases do cereal desde o cultivo á mesa. Así, partirase dunha exposición encamiñada a coñecer o proceso levado a cabo desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo para dar con estas variedades tradicionais. A continuación, Miguel Calvo, presidente da Asociación de Produtores de Cereal da Galiza Procegal, referencia na Galiza no cultivo das variedades tradicionais, introducirá un espazo adicado ao proceso do cultivo. A primeira fase transformadora será abordada polas muiñeiras do Muiño de Isabel, Patricia e Isabel, que desde Cospeito son referencia non só na Tera Chá, mais na Galiza, do que ten a ver coa transformación e comercialización das fariñas elaboradas por métodos tradicionais. Continuarán a falar as padarias e elaboradoras que poderán dar a sua visión, necesidades e perspectivas de futuro.
O remate do acto virá precedido dun espazo de reflexión e posta en comun encamiñado precisamente a estabelecer estratexias de interrelación, colaboración, e complicidade entre os distintos elos de unha cadea que no futuro vai ser fundamental na alimentación.