Gómez anuncia en Guitiriz a apertura das axudas para a remuda xeracional

A Consellería do Medio Rural publicará o luns, día 9, no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria para favorecer a remuda xeracional no agro e impulsar a súa modernización. Está dotada cun orzamento de 53 millóns de euros, dos cales 23 millóns irán destinados a apoiar a incorporación de mozos, mentres que os 30 millóns restantes serán para os plans de mellora asociados a estas incorporacións. Así o anunciou a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita á explotación Castro Paz, situada no concello lucense de Guitiriz, e que foi beneficiaria desta partida.
Trátase da convocatoria máis ampla en orzamento dende o ano 2018, destacou a conselleira, e asegurou que con ela se pretende favorecer a incorporación non só de novos solicitantes, senón tamén daquelas persoas que pediran a achega na anterior, correspondente ao ano 2025.
Tal e como explicou Gómez, estes mozos non terán que presentar unha nova solicitude e os criterios, como poden ser os prazos dos investimentos ou a idade máxima permitida, contarán segundo a data de presentación do ano pasado. É dicir, garántense as mesmas condicións. Esta convocatoria, ampla e conxunta, responde á necesidade de dar resposta á alta demanda rexistrada na do ano 2025, con máis de 460 solicitudes entre ambas actuacións.
Ao abeiro do compromiso do Goberno autonómico neste eido, a conselleira amosou a súa vontade por seguir apoiando ás persoas que se incorporan ao agro. Neste contexto, a Consellería do Medio Rural deseñou un completo Plan de remuda para o sector que, ademais destas partidas orzamentarias, inclúe outras iniciativas como o Banco de Explotacións, o programa de titorización e asesoramento ou o apoio aos centros de formación específicos da rama agraria.
María José Gómez sinalou a explotación Castro Paz, que se dedica ao vacún de leite e conta con 182 animais de razas frisona, como todo un referente no sector primario, que demostra á perfección o bo facer dos gandeiros da comunidade. Seguindo esta liña, enxalzou o labor de Susana e Rubén, socios da granxa, que co seu traballo contribúen de xeito directo a que Galicia sexa un referente neste eido, especialmente no lácteo. De xeito máis concreto, e no marco da véspera do 8M, enxalzou a Susana, como unha moza traballadora que apostou polo medio rural e que se incorporou ao agro a través das achegas convocadas pola Consellería.