Gontán acolleu un novo cargue de poldros da Terra Chá con destino internacional

TerraChaXa
O destino final dos poldros é Italia, un país onde o consumo deste tipo de carne conta cunha maior implantación
carga-de-poldros-abadin
24 Mar 2026

O municipio de Abadín volveu ser escenario dunha nova operación de comercialización de gando cabalar coa realización dun cargue de poldros en Gontán, procedentes de distintas explotacións da Terra Chá. O envío, realizado este pasado sábado, tivo como destino inicial un cebadeiro situado en Tudela, desde onde os animais continuarán o seu proceso cara ao mercado internacional, concretamente a Italia.

Esta iniciativa reflicte a aposta crecente dos gandeiros por un modelo de venda directa, que lles permite prescindir de intermediarios e garantir prezos fixos máis xustos. O valor de cada animal establécese en función de criterios como o peso, así como as súas características xenéticas e morfolóxicas, o que contribúe a unha maior transparencia e profesionalización do sector.

O destino final dos poldros é Italia, un país onde o consumo deste tipo de carne conta cunha maior implantación, o que abre novas oportunidades comerciais para os produtores da comarca chairega. Este tipo de operacións supón un impulso relevante para a economía local e para a valorización do sector cabalar, tradicionalmente ligado ao territorio.

Desde o Concello de Abadín destacan que este tipo de iniciativas representan un paso importante para mellorar as condicións de comercialización dos criadores, ao tempo que contribúen a reforzar a competitividade das explotacións e a consolidar novos mercados para a produción galega.

0.099273920059204