Gontán acolleu unha exitosa Feira do Grelo con 17 produtores

TerraChaXa
Os premios foron para Esther Cruña Regueira, da parroquia de Moncelos; Marisol Gandrío Lindín, de Romariz, e Argimiro Val Pérez, de Corvite
expogrelo-abadin-maria-jose-gomez
2 Mar 2025

Un ano máis Abadín celebrou Expogrelo, a gran feira que dignifica o valor dun alimento típico galego. 17 produtores participaron nesta edición número XIX, na que o bo tempo axudou á afluencia de xente á sede de Gontán.

Novamente o Concello fixo entrega dos tres galardóns aos postos mellor decorados, premios que foron de 50, 30 e 20 euros e que este ano corresponderon a Esther Cruña Regueira, da parroquia de Moncelos; Marisol Gandrío Lindín, de Romariz, e Argimiro Val Pérez, de Corvite.

A sesión contou con animación musical e degustación de grelos rematando ao mediodía coa entrega de premios.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiron a Expogrelo, onde puxeron en valor os grelos producidos na nosa comunidade, aos que definiron como un verdadeiro sinal de identidade do noso agro e moi característicos das datas de entroido.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, conta cun selo propio que garante a calidade deste produto, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Grelos de Galicia. Cabe sinalar que esta IXP certificou no ano 2023 un total de 111 toneladas de produto, cun valor de mercado de 222.000 euros. A indicación conta con 178 produtores e cunha superficie inscrita total de 55 hectáreas, das cales 14 se atopan neste municipio lucense.

Por outra banda, a Consellería do Mar participa neste evento a través dunha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR, coas que a Xunta de Galicia achegou aos asistentes o mellor sabor das rías galegas, co fin de dar continuidade ao obxectivo de sensibilizar á poboación da importancia que ten para a súa saúde o consumo de peixe e marisco, ao tempo que contribúe a impulsar economicamente un sector que achega preto do 5% do Produto Interior Bruto (PIB) á economía galega.

Esta iniciativa é un dos distintos proxectos que o departamento que dirixe Villares ten en marcha en materia de promoción dos produtos marítimo-pesqueiro e acuícolas galegos. Tal é así que, segundo remarcou, ao longo deste ano, mobilizaranse 20 millóns de euros neste eido, un 75% que no pasado exercicio. A finalidade é, explicou, seguir establecendo alianzas que deriven na mellora da comercialización e o estudo de patróns e tendencias de consumos.

I RETO SUBE E BAIXA

Máis de 130 atletas participaron o sábado pola tarde, aproveitando a celebración da Feira do Grelo, do I Reto Sube e Baixa, que coroou como gañadores absolutos a Álex Iglesia e á mindoniense Ainara Rodríguez, tamén vencedores na categoría sénior.

A carreira, desenvolvida na estrada da Corda, coñecida pola súa forte pendente, desenvolveuse nun circuíto de cinco quilómetros, dos cales a metade foron en costa arriba, para despois realizar a baixada. Alberto Pardo e Inés Méndez lograron a segunda posición na clasificación xeral, mentres que Adrián Paz e Adriana Modia completaron o podio no terceiro posto.

En canto ao resto de categorías, Inés Méndez destacou en sub-18, mentres que Juan David Prado e Lorena Iglesia se impuxeron en sub-20. Entre os veteranos, os mellores clasificados foron Alberto Pardo e Tamara Amigo no grupo A; Juan Pablo López e Fina Blanco, no B; Manuel Vázquez e Elvira Cereijo, no C; e Mark Johnson, no D.

As categorías infantís tamén tiveron protagonismo, con Francisco Dorado e María Fernández como vencedores en sub-10; Luca Villar e Icía López en sub-12; Thiago Ceide e Amelia Carrillo en sub-14; e Pedro Moirón e Nerea Braña en sub-16.

A entrega de trofeos contou coa presenza do edil de Deportes, Germán Ramil; a tenente de alcalde, Begoña Caute; e a concelleira de Servizos Sociais, Tania Rey.

⚙ Configurar cookies
0.47524094581604