González Formoso entregou hoxe os avais da súa candidatura
Valentín González Formoso entregou hoxe en Santiago de Compostela, na sede do PSdeG-PSOE da rúa do Pino, os avais da súa candidatura á Secretaría Xeral do partido e anunciou o seu primeiro compromiso como candidato para que o proceso de Primarias “se faga co tempo suficiente para facilitar a participación da militancia e para que calquera compañeira ou compañeiro que queira presentarse poida facelo”.
“En democracia non se poden facer Primarias á medida”, denuncia González Formoso, que lembra que “se fose pola actual dirección do PSdeG terían sido o 26 de setembro e habería só un candidato”. “Por sorte, o PSOE ten órganos que garante a participación democrática da militancia, algo que está no ADN do socialismo”, afirmou.
Neste sentido, o candidato cree que “non hai que ter medo ás Primarias, son unha ferramenta democrática que dá voz á militancia para que decida o futuro do partido fronte aos dedazos doutras agrupacións políticas” e incidiu en que fará unha campaña “en positivo, “baseada en ideas e propostas, sen entrar en confrontacións persoais que carecen de sentido porque todos somos compañeiros, todas e todos somos socialistas e queremos o mellor para o futuro do socialismo en Galicia”.
ENTREGA DO MÁXIMO DE AVAIS PERMITIDO
Valentín González Formoso rexistrou hoxe o máximo de avais permitido polos órganos do partido para o proceso de Primarias á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, que suman un total de 408, o que supón o 4% do censo de militantes socialistas en Galicia. Aínda así, o número de avais recollidos polo candidato supera amplamente esa cifra. “Isto permítenos detectar que hai un importante caudal de simpatía, apoio e confianza depositado na nosa candidatura, o que tamén estamos vendo nos encontros coa militancia en todos e cada un dos recunchos de Galicia aos que nos achegamos”.
Formoso agradeceu a “todos e todas, a cada un dos militantes que avalou coa súa firma esta candidatura, a súa confianza. “É un primeiro paso para que o día 30 de outubro poidamos elixir democraticamente que modelo de PSdeG queremos para o futuro”, afirmou.