González Formoso reclama no Congreso Federal a unión do PSdeG
Valentín G. Formoso: “os grandes avances deste país conseguíronse cando o PSOE estivo unido e ese é o modelo que queremos para o PSdeG”.
Este foi o congreso da unidade, da reafirmación dun partido que é consciente de que os grandes avances deste país conseguíronse cando o PSOE estivo motivado, estivo unido e ese é o modelo que nós queremos para o PSdeG”, afirmou Valentín González Formoso trala clausura do 40 Congreso Federal do PSOE en Valencia.
Formoso amosouse “orgulloso do PSOE, un partido con 142 anos de historia que trouxo os maiores avances sociais de España, que xestionou a pandemia sen deixar a ninguén atrás e que agora afronta con ilusión e unidade os importantes retos do futuro que nos agardan” e valorou “a unidade do partido que lidera Pedro Sánchez, que logrou conformar unha familia que está máis forte ca nunca, unida, aberta, plural e democrática”.
“Foi un bo día para Galicia e para o PSdeG”, destacou González Formoso, que felicitou a “unha boa amiga e compañeira como Pilar Cancela” que continúa na executiva federal do PSOE como responsable de acción exterior e da que destacou “a súa traxectoria ao servizo do PSOE e de Galicia” considerando que “será unha gran representante dos socialistas galegos na nova dirección federal”. Así mesmo, Formoso tamén felicitou aos integrantes do comité federal no que estarán representadas as catro provincias galegas, con Carmela Silva, Inés Rey, Marina Ortega, José Tomé e Pablo Arangüena.