González visita Seara para poñer en valor o modelo para atraer talentos

TerraChaXa
Urxiu ao Goberno central o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo
jose-gonzalez-visita-seara
27 Feb 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou nun encontro coa asociación empresarial Seara, no que tamén estivo a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. José González puxo en valor o modelo da Xunta de captación de talento exterior, de maneira ordenada e planificada e aliñado coas necesidades das empresas.

Nese sentido, o conselleiro referiuse ao novo escenario derivado da regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular anunciada polo Goberno central, que, segundo indicou, evidencia falta de planificación e rigor nun ámbito que debería abordarse como política de Estado. A este proceso contrapón a filosofía galega, que aposta por un modelo integral de inmigración ordenada, aliñado coas necesidades do tecido produtivo e baseado na integración laboral real, que se estrutura nun primeiro foco no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixo, na atracción de talento procedente de terceiros países. Nesta folla de ruta, concluíu, resulta clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral.

En clave interna, o conselleiro destacou o esforzo da Xunta de Galicia por pechar o círculo da empregabilidade a través dunha estratexia integral de políticas activas de emprego que conecta a formación para o emprego cos incentivos á contratación, garantindo que o investimento público tradúzase nun impacto real e efectivo no mercado laboral galego. Nesa liña, destacou o novo enfoque da orde Galicia Suma Talento: Emprégache, cun orzamento de 19,7 millóns de euros, aberto actualmente para apoiar a contratación de persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral, como mocidade, mulleres, persoas paradas de longa duración, emigrantes retornados ou persoas con discapacidade, entre outros colectivos.

Como principal novidade desa orde, sinalou que por primeira vez darase prioridade a aquelas persoas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a incorporación efectiva ao mercado laboral. Neste sentido, lembrou que o Consello da Xunta deu luz verde este luns ao novo programa Talento Mozo (6,6 millóns de euros), os programas de formación e emprego para persoas rexistradas no Sistema nacional de garantía xuvenil que se reorientan con novos compromisos de inserción e incentivos á contratación, así como centrándose nos sectores con máis demanda.

José González enmarcou estas actuacións na renovación integral das políticas activas de emprego que está a impulsar o Goberno galego para dar resposta aos retos do emprego, da competitividade e da captación de talento, con outras medidas como o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego e as ordes de formación en vigor, entre as que destacou as AFD, con 40 millóns de euros, e o Galicia Suma Talento: formación de persoas ocupadas, dotado con 10,6 millóns.

No referido ás contornas do empresariado participante nos encontros, o titular de Emprego tamén aludiu a outras iniciativas como o proxecto da Xunta ActivaVerde, que busca a recualificación profesional e a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes.

0.12153816223145