Gran éxito de participación no primeiro torneo de tenis de mesa de Guitiriz
Guitiriz acolleu o I Torneo de Tenis de Mesa organizado polo Concello, unha cita deportiva que reuniu a 45 participantes e se converteu nunha tarde chea de diversión, emoción e deporte.
O torneo contou coa participación de recoñecidos clubs galegos, como o Club Breogán Oleiros, o Finisterre TM da Coruña, o Rábade TM, o Dez Portas de Lugo, ademais do equipo anfitrión, o Guitiriz TM, formado polas Escolas Deportivas Municipais.
Tras intensos encontros, o gran gañador foi Luís Azevedo, quen se impuxo na final a Javier Canzobre, acadando así o primeiro posto. Os semifinalistas do torneo foron Miguel Ángel González e David Gómez, ambos demostrando un excelente nivel de xogo ao longo do campionato.
Unha mención especial merece Diego Mayo, da agrupación deportiva Dubratambre, cuxa colaboración foi clave para o éxito do evento. O día completouse cun ambiente festivo no que participantes e asistentes gozaron dun delicioso roscón de Reis e chocolate quente, unha combinación perfecta para recuperar enerxía entre os partidos.
Desde o Concello de Guitiriz destacan a elevada participación, 45 xogadores, e o gran interese xerado por esta primeira edición, sinalando que eventos coma este contribúen a promover o deporte local e fortalecer os lazos entre os distintos clubs galegos. Sen dúbida, un éxito que promete futuras edicións aínda máis emocionantes.