Grueira reclama ao alcalde de Pol que non se centre unicamente no campo de fútbol
O PP de Pol pide ao alcalde que “non centre os seus esforzos unicamente no campo de fútbol”. Igual que dirixe diñeiro municipal e busca colaboración doutras institucións para o campo de fútbol, sería xusto que puxera o mesmo empeño en atender outras infraestruturas municipais, como as pistas, que realmente beneficien de forma directa aos veciños e veciñas de Pol.
A portavoz, Nicole Grueira, preguntaba ao rexedor socialista no último pleno “como beneficia o campo de fútbol aos veciños e veciñas de Pol, especialmente tendo en conta que se está cobrando a entrada en certos partidos”.
A popular explica que “como é unha instalación municipal, quixemos saber cal é o papel do Concello nesa operación e, sobre todo, a onde vai parar o diñeiro recadado. E a resposta do alcalde foi tan contundente como reveladora: non dan nin para pagar ao árbitro”.
Á vista desta afirmación, Grueira cre que “queda claro que o campo de fútbol está a xerar máis gastos que beneficios. É dicir, lonxe de ser unha vantaxe para a veciñanza, esta instalación é un lastre económico”.
A portavoz popular cre que “o fútbol pode ser unha parte do noso concello como o é noutros concellos, pero non pode converterse no único foco de investimento mentres hai estradas en estado lamentable, servizos básicos que necesitan melloras e outras necesidades máis urxentes para os veciños”. Nese sentido, convida ao alcalde a “equilibrar as prioridades” porque “Pol é moito máis que un campo de fútbol”.