Guitiriz abre o prazo de inscrición para os campamentos de xullo
O Concello de Guitiriz acaba de abrir o prazo de inscrición para os campamentos deportivos que levará a cabo no mes de xullo e que están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, ambos incluídos.
Este prazo está aberto só para empadroados e rematará o próximo 10 de xuño. Se quedan prazas vacantes abrirase outro novo periodo para que se anoten os non empadroados en Guitiriz, que irá do 13 ao 15 de xuño. Terán que formarse grupos de mínimo 25 e de máximo 45 participantes e as inscricións poden realizarse por sede electrónica ou presencialmente no Rexistro da casa consistorial.
Hai diferentes opcións: o venres 8 de xullo haberá rutas en bici co club Btteiros Cova da Serpe, o luns 11 de xullo unha visita ao parque acuático de Cerceda, o martes 12 de xullo surf + kaiak en Barreiros, e, por último, o xoves 14 e o venres 15 organizarase unha saída ao Galipark de Padrón.
Os prezos para o campamento completo son de 118 euros para os empadroados/as e para os non empadroados de 160 euros. Se se quere coller actividades soltas a contía é de 8 euros para o parque acuático, 32 euros para surf+kaiak e 110 euros para o Galipark. A actividade de rutas en bicicleta non se pode coller soa, ten que ir asociada a outra.
O Concello levará a cabo unha reunión informativa o xoves 30 de xuño ás 20 horas no pavillón municipal Jonathan Carro, onde se lle explicará ás familias o mecanismo de cada actividade.