Guitiriz abre o prazo de solicitudes para realizar as fogueiras de San Xoán
O Concello de Guitiriz abre hoxe o prazo para facer as solicitudes para a realización das fogueiras de San Xoán da noite do 23 de xuño á madrugada do 24 de xuño.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, emitiu un bando municipal no que se informa de que o último día para facer as comunicacións é o 21 de xuño. Estas poden facerse de xeito presencial, en horario de 9 a 14 horas e pedindo cita previa no 982 370 109, ou ben pola sede electrónica do Concello (guitiriz.sedelectronica.gal).
Para tramitar os permisos é necesario comunicar os datos da persoa responsable do mesmo, nome e apelidos da solicitante, así como o seu número de DNI, o enderezo de residencia e a localización na que se vai realizar a fogueira.
Ao facer a comunicación asúmense as normas establecidas polo Concello para esta celebración, como que as cacharelas non poderán superar os 2 metros de altura e 3 de ancho, que só se poden facer en terreos particulares localizados en solo urbano e en solo de núcleo rural ou que non se prenderá lume preto de masas forestais ou matogueiras nin a menos de 14 metros de calquera edificación, tendido eléctrico, instalación de calquera tipo ou vehículo.