Guitiriz abre o prazo do seu programa de conciliación familiar de verán

TerraChaXa
A data límite para anotarse é o 22 de xuño e poderá facerse de xeito presencial ou a través da sede electrónica e haberá catro quendas.
conciclia veran guitiriz
4 Xuño 2021

O Concello de Guitiriz acaba de abrir o prazo para enviar as solicitudes para participar no seu programa de conciliación familiar para as vacacións de verán, que ten o obxectivo de axudar a conxugar a vida laboral e familiar facendo especial fincapé naquelas familias que estean nunha situación de maior vulnerabilidade.

Esta actividade, que terá como punto de encontro a Casa Habanera principalmente, desenvolverase en catro quendas: a primeira do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 30 de xullo, a terceira do 2 ao 13 de agosto e a cuarta do 16 ao 31 de agosto. Establecéronse dous horarios diferentes, o ordinario será de 10 a 14 horas e está dirixido só a nenos e nenas nados entre o 2012 e o 2017,e un extraordinario, que será a partir das 8:30 horas para todas aquelas familias que precisen unha xornada máis ampla.

O prazo para anotarse remata o 22 de xuño e poderá formalizarse a inscrición de xeito telemático, a través da sede electrónica, ou presencial na casa do concello pedindo cita previa no teléfono 982 370 109. Darase prioridade a aquelas familias nas que os proxenitores estean a traballar e tamén ás familias empadroadas en Guitiriz, en situación de especial vulnerabilidade ou especialmente prexudicadas pola situación causada pola pandemia da covid-19.

No caso de haber máis solicitudes que prazas a lista de admitidos publicarase o 23 de xuño e informarase da data e hora dunha reunión previa coas familias. Para realizar a actividade debe haber un mínimo de 8 nenos ou nenas na quenda, se non será suspendida ou unificarase con outras.

Para que a solicitude quede debidamente tramitada deberase aboar, xunto coa documentación, o 50% da contía a pagar na conta ES20 2080 0122 4631 1000 0022. O prezo xeral por cada quenda é de 30 euros e o incremento para acudir en horario extraordinario será de 28 euros por quenda, podendo anotarse a todas as que se precisen. Ademais, haberá bonificacións por matricularse en máis dunha quenda, por inscribir a irmáns, familias monoparentais/monomarentais ou numerosas ou aquelas en situación de especial vulnerabilidade. Aínda así, o prezo para acudir en horario extraordinario é fixo e non está suxeito a bonificacións nin incrementos.

0.18561387062073