Guitiriz abre unha mostra sobre a emigración galega a Cuba

TerraChaXa
A inauguración será ás 12:45 deste venres e tamén se presentará unha placa conmemorativa polos 100 anos de vida da Escola Habanera
o-sono-cubano-da-emigracion-expo-guitiriz
5 sep 2024

A biblioteca pública municipal de Guitiriz acollerá o próximo venres 6 de setembro a inauguración da exposición O soño cubano da emigración galega, unha das actividades programadas para a celebración do centenario da Escola Habanera.

O acto dará comezo ás 12:45 horas na Casa Habanera e contará coa asistencia da alcaldesa do municipio, Marisol Morandeira, e da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Durante a presentación tamén se desvelará unha placa conmemorativa polos 100 anos da Escola Habanera.

A exposición O soño cubano da emigración galega, cedida polo Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración, pretende amosar un percorrido polas fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto e 200.000 galegos e galegas a Cuba. Abrangue desde a chegada das e dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba e a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.

A mostra permitirá coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX, xa que se estima que a illa acolleu a máis de 200.000 galegos e que os nados en Galicia chegaron a ser o 9 % de poboación total da Habana.

A exhibición consta de trinta paneis que permiten descubrir o perfil do galego emigrante na Habana e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da identidade galega tivesen alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados e materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra, que revisa unha destacada e potente relación histórica.

0.18379378318787