Guitiriz abre unha mostra sobre a último século de historia das orquestras en Galicia

O Concello de Guitiriz inaugurou a exposición de rúa Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia. A mostra, que se poderá visitar no Campo da Feira ata o vindeiro 25 de marzo, fai un repaso pola evolución destas formacións musicais desde principios do século XX ata a actualidade.
No acto de apertura institucional participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a directora-xerente da Fundación da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, ademais doutros membros da corporación local e o comisario da exposición, Zósimo López.
Con esta inauguración, Guitiriz convértese na cuarta vila galega en acoller esta exposición tras o seu paso por Ponteareas, Baiona e Ribadavia. A iniciativa enmárcase dentro do programa de itinerancias da Cidade da Cultura, que ten como finalidade levar a outras localidades contidos culturais xestados no Gaiás. A proposta nace dunha mostra orixinal que xa acolleu a Biblioteca de Galicia durante o ano 2023.
O proxecto expositivo está baseado nun estudo da Universidade de Santiago de Compostela titulado Do palco ao escenario. Este estudo estivo coordinado por Xaime Fandiño e conta con Zósimo López e Henrique Neira como comisarios da exposición.
A través dun deseño realizado por Fausto Isorna, a instalación conta a evolución da verbena galega ao longo dun século, amosando imaxes de programas de festas, fotografías e diversos carteis de estilos moi diferentes.
O percorrido amosa o grande impacto económico, social e cultural destas agrupacións, que cada ano mobilizan a milleiros de persoas e que lograron reivindicar a verbena como unha parte esencial da identidade cultural galega.