Guitiriz acolle a proxección dun documental sobre o Entroido ribeirao
A asociación Xermolos xunto ao Festival de Cine de Roca organizan unha nova proxección. Será o venres 9 de xaneiro, ás 21:00 horas, na Casa Habanera, e proxectarase o documental O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao, de David Vázquez.
O Entroido Ribeirao é unha celebración moi antiga da Ribeira Sacra en Chantada que resistiu no Moredo a ditadura franquista e o despoboamento das aldeas.
Realizado en lingua galega, ten unha duración de 28 minutos e está recomendado para maiores de 7 anos. A entrada é de balde.
Esta proxección forma parte dun ciclo co que Xermolos quere desenvolver unha programación cinematográfica durante todo o ano, unha sesión unha vez ao mes. Co nome Vaia Cine! iniciaron o pasado mes de xaneiro con Julia a partir dunha idea que xurdiu durante a celebración do Festival de Música de Cine de Roca.
A liña común destas películas será unha vinculación coa etnografía e a defensa dos dereitos humanos e da xustiza social e buscando a equidade de xénero ou a presenza do galego.
Na programación incluiranse filmes de actualidade así como outros estreados tempo atrás os cales se considera oportuno desde a organización recuperar polo seu interese social ou etnográfico.