Guitiriz acolle este sábado un obradoiro sobre videoxogos e programación

A Aula CeMIT do Concello de Guitiriz acollerá este sábado, 27 de setembro, o obradoiro ‘Scratch Day’, unha actividade formativa sobre videoxogos e programación organizada coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica de Galicia.
A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos, que deberán asistir acompañados dun adulto. O obradoiro desenvolverase en horario de 9:30 a 14:00 horas.
Durante a sesión, os participantes poderán introducirse de forma práctica e divertida no mundo da programación, aprendendo a crear videoxogos coa ferramenta Scratch. Entre os contidos previstos inclúese unha introdución aos videoxogos, explicacións sobre movemento, lanzamento e interacción entre obxectos, o uso de MicroBit con Scratch e a montaxe de diferentes obxectos.
A actividade é gratuíta, pero conta con prazas limitadas, polo que é preciso realizar unha inscrición previa. As solicitudes poderán realizarse ata o venres 26 de setembro ás 14:00 horas, ben na propia Aula CeMIT ou chamando ao teléfono 982 37 00 62.