Guitiriz acolle unha xornada formativa sobre alimentación saudable dirixida ás persoas maiores

TerraChaXa
A formación será impartida por Olga Roca Bergantiños, enfermeira da Área Sanitaria de Lugo
almorzo-saudable-alimentos-comida
4 Mar 2026

A Escola Habanera de Guitiriz será escenario o venres 6 de marzo, de 16:30 a 18:30 horas, dunha sesión formativa centrada na alimentación das persoas maiores, unha iniciativa orientada a promover hábitos saudables nesta etapa da vida.

Baixo o título Alimentación do Maior, a actividade abordará cuestións clave como a diferenza entre alimentación e nutrición, a importancia dunha correcta hidratación nas idades avanzadas e os cambios orgánicos asociados ao proceso de envellecemento. Ademais, analizaranse as características dunha dieta equilibrada, a pirámide alimentaria e as estratexias para previr a malnutrición e determinadas enfermidades crónicas.

A formación será impartida por Olga Roca Bergantiños, enfermeira da Área Sanitaria de Lugo, quen ofrecerá unha perspectiva profesional sobre as necesidades nutricionais específicas das persoas maiores e resolverá as dúbidas das persoas asistentes.

A actividade conta con certificado oficial e está organizada coa colaboración do Concello de Guitiriz e da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través dos Servizos Sociais municipais, no teléfono 982 370 109, extensión 1.

Con esta proposta, Guitiriz reforza a súa aposta pola educación para a saúde e pola mellora da calidade de vida da súa poboación maior, fomentando o coñecemento como ferramenta fundamental para un envellecemento activo e saudable.

0.13181710243225