Guitiriz acollerá a segunda etapa da IX Marcha Ciclista pola discapacidade intelectual

TerraChaXa
Terá lugar este venres, 1 de outubro, e a ruta será circular, con saída e chegada no campo de fútbol Noreña Basalta de Parga.
presentacion marcha ciclista unificada guitiriz 2
30 sep 2021

O campo de fútbol Noreña Basalta de Parga, no Concello de Guitiriz, será este venres, 1 de outubro, o punto de partida e de chegada da segunda etapa da novena Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade intelectual organizada por Special Olympics Galicia.

A Casa Habanera acolleu o acto de presentación desta proba, no que participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez.

A etapa de Guitiriz é a máis longa, con 26 quilómetros deseñados de xeito circular, e participarán un total de 16 deportistas das entidades ASPAS (Santiago) e PRODEME (Monforte). O acto de inauguración celebrarase o venres 1 de outubro ás 10:45 horas e a saída da marcha será ás 11:30 horas, clausurándose esta ás 14 horas cun acto de recoñecemento e diferentes intervencións no propio campo de fútbol.

O percorrido total desta marcha esténdese polas catro provincia galegas. Antes da súa chegada a Guitiriz o xoves, 30 de setembro, arrincará en Baños de Molgas (Ourense). Despois, o 2 de outubro, estarán en Santiago de Compostela e rematará o domingo, 3 de outubro, en Vilagarcía de Arousa cunha contrarreloxo.

Os obxectivos desta iniciativa son múltiples, xa que para a organización o deporte é unha práctica vital para o fomento da inclusión e tamén unha magnífica posibilidade de visibilizar a este colectivo de persoas, derrubando as barreiras físicas e psicolóxicas da sociedade á hora de coñecer e facilitar a participación destas persoas na vida social e comunitaria.

Marisol Morandeira destacou que “esta colaboración é unha mostra máis de que o noso equipo de goberno está implicado con este tipo de iniciativas que aportan tantos valores á sociedade e derruban barreiras e estereotipos. Por suposto, tamén queremos agradecer e estamos moi orgullosos de que sexamos o municipio elixido na provincia de Lugo para realizar esta segunda etapa da Marcha Ciclista unificada”.

Eladio Fernández explicou que “este tipo de actividades visibilizan e poñen en valor as capacidades deste colectivo que, a cotío, aportan leccións de vida ao resto da sociedade. Tamén queremos agradecer a disposición completa e a colaboración do Concello de Guitiriz  para levar a cabo este proxecto”.

presentacion marcha ciclista unificada guitiriz
0.1852240562439