Guitiriz acollerá desde o mércores a cuarta edición dos Xogos da Primavera

TerraChaXa
Con esta actividade búscase poñer en valor os xogos tradicionais ao tempo que se incentivan as actividades ao aire libre para pequenos e maiores
xogos-primavera-guitiriz
25 Mar 2025

O Concello de Guitiriz, a través da Biblioteca Municipal Casa Habanera, celebrará desde este 26 de marzo a IV edición dos Xogos da Primavera, unha actividade que convida a pequenos e maiores a redescubrir o clásico xogo da ra en plena rúa.

Esta proposta naceu en 2022 co obxectivo de promover a relación entre os maiores e os nenos do municipio, poñendo en valor os xogos tradicionais e as actividades ao aire libre. A cuarta edición inaugurarase ás 17:30 horas e levarase a cabo todos os mércores durante os meses de primavera.

Os Xogos da Primavera celebraranse no lateral da Casa Habanera e telecentro, convertendo o espazo urbano nun punto de encontro para a diversión e a convivencia interxeracional. Con esta actividade búscase estimular a recreación, a comunicación e a socialización entre os maiores e os nenos, así como revalorizar os xogos de onte, promovendo a participación activa das persoas maiores no ensino dos mesmos.

O xogo da ra, coñecido pola súa sinxeleza e emoción, é o gran protagonista. Desafiará aos participantes para afinar a súa puntería lanzando fichas en busca do ansiado salto á ra. Unha oportunidade perfecta para lembrar o valor do xogo en comunidade e compartir un intre inesquecible ao aire libre.

⚙ Configurar cookies
0.81783604621887