Guitiriz acollerá o Congreso do Sector Lácteo do SLG nun contexto de crise de prezos

TerraChaXa
Durante a xornada abordarase unha diagnose do estado do sector, ao tempo que se renovará a súa dirección e se marcarán as estratexias a seguir nos próximos catro ano
vacas-leite
25 Mar 2026

A Casa Habanera de Guitiriz será escenario este venres, 27 de marzo, do Congreso do Sector do Vacún de Leite organizado polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), unha cita clave para analizar a situación actual do sector e definir as liñas de traballo dos vindeiros anos. O encontro, que dará comezo ás 11:00 horas, chega nun momento especialmente complexo, coincidindo coa renovación dos contratos do leite.

Durante a xornada abordarase unha diagnose do estado do sector lácteo galego, ao tempo que se renovará a súa dirección e se marcarán as estratexias a seguir nos próximos catro anos. Desde o SLG destacan que o contexto actual está marcado por unha nova baixada dos prezos que perciben as explotacións, con descensos que oscilan entre os 4 e os 10 céntimos por litro, nun escenario no que os custos de produción continúan á alza.

O coordinador do Sector Lácteo do sindicato, Xulio Fernández Carnero, advertiu de que a situación volve evidenciar o desequilibrio na cadea de valor, coa industria impoñendo condicións contractuais que afectan directamente á viabilidade das granxas. Neste sentido, subliñou a necesidade de reforzar a organización do sector para facer fronte a estas prácticas e defender prezos que cubran os custos de produción e garantan rendas dignas.

O congreso tamén servirá para poñer o foco na evolución do sector nos últimos anos. "Entre 2021 e 2025, arredor de 1.500 granxas deixaron de ter actividade, o que supón a perda de case unha cuarta parte das explotacións galegas, quedando actualmente menos de 5.000 en activo. Este descenso, que afecta especialmente ás explotacións máis pequenas, evidencia a falta de relevo xeracional e a crecente concentración da produción", din.

Desde o Sindicato Labrego Galego insisten en que o sector lácteo é fundamental para o mantemento do rural galego, non só desde o punto de vista económico, senón tamén social e territorial. Por iso, reclaman medidas estruturais que permitan garantir a súa sustentabilidade, como mecanismos públicos de control da produción, unha mellor regulación da cadea alimentaria e políticas eficaces que favorezan a incorporación de mozos e mozas ao campo.

O encontro de Guitiriz preséntase así como unha oportunidade para reflexionar sobre o futuro do sector e reforzar a unidade das persoas produtoras nun momento decisivo para o leite galego.

0.13270807266235