Guitiriz acollerá o curso de verán da USC. A paisaxe do mar
Entre os días 17 a 19 de xullo Guitiriz acollerá o curso de verán da USC A paisaxe do mar na Casa Habanera.
Un ano máis, a localidade lucense de Guitiriz acolle unha nova edición dos Seminarios de Verán sobre Paisaxe auspiciados pola Universidade de Santiago de Compostela.
A través do mesmo enxalzarase o protagonismo que a costa ten en Galicia coas súas diferentes configuracións morfolóXicas e ecolóxicas traducidas en cabos, rías, acantilados, praias, lagos, marismas e illas, ademais das propias profundidades mariñas, sen esquecer a extraordinaria riqueza do océanos no ámbito biolóxico, económico e paisaxístico. E será precisamente este último, o paisaxístico, o punto de referencia das tres xornadas nas que participarán recoñecidos expertos na materia.
Así, o primeiro día, bautizado co título de Vecindade, será María Nava Castro Domínguez, Directora de Turismo de Galicia, a encargada da súa apertura a través dunha conferencia inaugural na que falará de turismo e paisaxe marítimo.
Seguiralle Roxelio Pérez Moreira, Profesor de Territorio e Paisaxe e de Cultura e Paisaxe da USC, quen desgranará a contraposición entre a costa cantábrica e a atlántica. Pola súa banda, Francisco Javier López González, profesor do Departamento de Enxeñería Agroforestal da mesma Universidade, recrearase nas rutas dos faros e dos cabos, así como nas rutas terrestres e rutas polo mar, mentres que Saúl de la Peña Lastra, Investigador do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, explicará os pormenores da biodiversidade e exclusividade das illas atlánticas galegas.
O segundo día, que leva por título Profundidade, Jorge J. Candán, Fotógrafo e Produtor de documentais de ciencia e natureza, falará do legado das rías galegas, e Guillermo Díaz Agras, Farmacéutico e Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, viaxará ás paisaxes submariñas do litoral galego. Victoriano Urgorri, Catedrático de Zooloxía Mariña e Director da Estación Biolóxica Mariña da Graña farao á Galicia profunda, dando conta da paisaxe dos abismos mariños.
A xornada culminará coas achegas de Xurxo Lobato, Fotoperiodista e Académico da Real Academia Galega de Belas Artes, quen detallará a paisaxe e a cultura marítima galega, e con Alfredo López Fernández, Biólogo e ex presidente da coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños, que abordará precisamente os mamíferos mariños no mar de Galicia.
Xa o último día Inmensidade, será introducido por Xurxo Souto, Filólogo, locutor de radio, presentador de televisión, escritor e músico, que impartirá o relatorio “Océanos para terrícolas”. A súa alocución terá continuidade coa de María Teresa Barral Silva, Directora do Departamento de Edafoloxía e Académica da Academia de Farmacia, que abordará un problema de plena actualidade: os plásticos no mar e a súa recuperación.
Da conferencia de clausura encargarase Federico L. Silvestre, profesor de Historia das Ideas Estéticas, quen deleitará ao público con “Poética das profundidades”
Tralo acto de clausura, terá lugar o tradicional roteiro polo Concello de Guitiriz Pedra, Auga e Gastronomía, complementándose as distintas xornadas con proxeccións audiovisuais (Vivir o Mar e Amar s Mar) e cunha exposición fotográfica (A mar de ben).
A matrícula poderá formalizarse a través de internet ou de maneira presencial, ou excepcionalmente por correo.
O prazo de matrícula remata o 5 de xullo. O importe da matrícula é de 70 euros o ordinario e de 40 euros o reducido. O importe reducido é para estudantes de calquera universidade, bacharelato, F.P., pensionistas, desempregados e persoal da USC. Máis información no e-mail: margarita.vilela@usc.es, e en www.usc.es/campusterra/gl/curso-paisaxe-da-mar