Guitiriz acolleu a asemblea constitutiva do novo equipo da Rede de Vilas Termais

TerraChaXa
“Guitiriz é un lugar cunha rica historia termal e un exemplo perfecto do que as nosas augas poden ofrecer”, destacou Rivera
Clausura-XVII-Encontro-Vilas-Termais-Guitiriz
16 Xuño 2024

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou na asemblea constitutiva do novo equipo da Rede de Vilas Termais integrada na Sección de Entidades Locais con Aguas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se celebrou no marco do XVII Encontro de Vilas Termais que se celebra durante este fin de semana en Guitiriz.

“Guitiriz é un lugar cunha rica historia termal e un exemplo perfecto do que as nosas augas poden ofrecer”, destacou Rivera Capón, quen recoñeceu ademais o traballo da alcaldesa e deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, para volver a atraer esta cita á localidade despois de 18 anos.

Explicou o Deputado que o turismo termal non só representa unha “fonte importante de desenvolvemento económico, senón que tamén é un motor para a promoción do benestar e a saúde. E nese sentido as vilas termais son moito máis que lugares de descanso. Son centros de innovación, sostibilidade e cultura”.

Pablo Rivera engadiu que na Deputación de Lugo “levamos anos traballando co programa Lugo Termal”, coa idea de aproveitar a potencialidade dos balnearios como centros de benestar, pero tamén como motores do desenvolvemento local, xerando emprego e contribuíndo á desestacionalización do turismo.

A asemblea constitutiva de Vilas Termais aprobou hoxe o novo equipo directivo presidido polo ourensán Luís Menor e abordou a evolución dos traballos do convenio subscrito entre a entidade termal e Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) no marco do Programa Experiencias Turismo de España, que conta con fondos Next Generation.

Apoio da Xunta

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, De aí, tamén estiveron no acto, no que expuxo o conselleiro, a necesidade de coidar e impulsar o termalismo como motor económico, unha tarefa na que o Goberno galego leva anos traballando.

Faino, engadiu, con accións como o apoio a experiencias turísticas termais, plans de turismo neste eido e co impulso de eventos de promoción como a feira Termatalia ou a colaboración na recuperación de balnearios. Ademais, José González manifestou que esta actividade aúna tradición e modernidade e é un exemplo do que ofrece o rural galego.

Nesta liña, fixo fincapé no seu valor para enfrontarse ao reto demográfico e xerar novas oportunidades con outras actividades económicas que medren ao seu carón. Un aspecto no que é clave a colaboración público-privada co fin de promover o emprendemento e de que Galicia progrese nun mercado laboral e inclusivo, cun crecemento económico intelixente, indicou.

Neste ámbito, puxo o Encontro de Vilas Termais como exemplo de unidade a prol do desenvolvemento das comunidades locais e ao balbeario de Guitiriz como mostra de emprendemento con actividades ben arraigadas ao territorio. A maiores, agradeceu á organización desta cita e ás persoas asistentes o seu traballo e a súa contribución a unha Galicia máis próspera e sostible.

0.18089818954468