Guitiriz adianta o Día da Biblioteca cun obradoiro musical este venres
O Concello de Guitiriz adianta a celebración do Día da Biblioteca, cuxa data oficial é o 24 de outubro, e organiza este venres, 18 de outubro, o obradoiro musical de sensibilización en igualdade e erradicación da violencia contra a infancia e as mulleres Do tradi ao trap… Baila morena.
O obradoiro celebrarase a partir das 11:30 horas na biblioteca Casa Habanera e será impartido por Branca Villares, contando tamén coa participación do alumnado do IES Poeta Díaz Castro a través do proxecto Kpaces, que está coordinado pola biblioteca do instituto.
Neste obradoiro abordarase a temática da violencia sexual a través da música cunha visión histórica e actual, prestando atención á música antiga e tamén á contemporánea e ao seu papel nas colectividades que as compoñen e que as escoitan.
A través delas, da publicidade e das redes sociais trataranse conceptos como o consentimento, o acoso ou o abuso sexual.