Guitiriz aproba a primeira ordenanza municipal de tráfico da súa historia

TerraChaXa
Guitiriz aproba provisionalmente a primeira ordenanza municipal de tráfico da súa historia durante o pleno de xullo
Pleno Guitiriz 28 de xullo
30 Xul 2022

A iniciativa contou cos votos favorables do grupo de goberno e do Bloque Nacionalista Galego, e a abstención dos catro edís do Partido Popular na sesión ordinaria do Pleno da corporación.

O Concello de Guitiriz aprobou provisionalmente a ordenanza municipal de tráfico da súa historia. Onte celebrouse unha sesión ordinaria do Pleno da corporación, onde a iniciativa contou cos votos favorables do grupo de goberno e do Bloque Nacionalista Galego, e a abstención dos catro edís do Partido Popular.

Estará a exposición pública para que a veciñanza teña a posibilidade de presentar alegacións o documento, que en todo caso “se trata dun paso moi importante para instaurar a correcta convivencia entre vehículos e peóns no noso municipio”, avanza a alcaldesa, Marisol Morandeira.

Noutro dos puntos tratados no Pleno, acordouse investigar a titularidade da parcela 18 do Polígono 370 no lugar de Pacelo – Pedrafita, por unanimidade, así como modificar o inventario de bens municipais de camiños no lugar de Belote – parroquia de Lagostelle.

Noutro dos puntos a tratar na orde do día, debateuse a aprobación inicial da modificación do orzamento 2022 por un total de 97.283,39 euros, que se destinará a melloras de camiños, un circuito de pump truck, saneamento, unha bomba para a piscina ou a mellora dos accesos en Pumariños, entre outros. Isto foi posible grazas á boa xestión do goberno, que acadou maiores investimentos do previso, entre outros motivos, pola óptima tramitación de obrigas tributarias como o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

Tratouse de urxencia o dar conta da Conta Xeral para a súa aprobación, que contou cos votos favorables do grupo de goberno, a abstención do PP e o voto en contra do BNG.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, destacou  que “nesta sesión avanzouse moito cara o modelo do Guitiriz que queremos implementar, máis respectuoso co peón”, á vez que se continúa “nunha liña de traballo desde o grupo de goberno en favor da amplitude da oferta de servizos públicos, a mellora dos lugares do noso municipio ou o impulso de instalacións moi demandadas pola nosa veciñanza”, avanzou.

0.12536311149597