Guitiriz aproba definitivamente o orzamento de 2026, que ascende a 5,8 millóns de euros

TerraChaXa
A investimentos destinaranse, nun inicio, un total de 273.887 euros, que servirán para financiar varios proxectos
pleno-extraordinario-guitiriz
15 Jan 2026

O Concello de Guitiriz aprobou definitivamente en pleno extraordinario este xoves o orzamento municipal para o ano 2026, que ascende a 5.836.865,11 euros, o que supón un incremento de 325.423,51 euros respecto ao exercicio anterior. "Trátase dun documento equilibrado entre gastos e ingresos que reforza, unha vez máis, o compromiso do goberno municipal cos servizos públicos e coa atención de calidade á veciñanza", tal e como explicou na presentación a alcaldesa.

Os orzamentos foron aprobados definitivamente cos votos a favor do PSOE e en contra de PP e BNG, igual que na primeira volta.

A investimentos destinaranse, nun inicio, un total de 273.887 euros, que servirán para financiar os proxectos de: mantemento e mellora de acceso a Carballedo, Aldar e Cabana; a achega municipal ao programa Camiña Rural 2026-2027; a achega municipal para o Plan Cooperación da Deputación de Lugo; e a obra de renovación do colector paralelo á vía do ferrocarril.

O capítulo de gastos correntes acada os 5.681.072,37 euros, é dicir, o 97,33% do total. Neste apartado destaca o peso dos gastos de persoal municipal, consecuencia da decisión de manter a prestación directa de numerosos servizos: sociais, limpeza e mantemento de espazos públicos, potabilizadoras, depuradoras e outros.

Tamén se incrementa a partida destinada a subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, material escolar, transporte e outras axudas educativas, cun total de 81.800 euros.

Os gastos en bens correntes e servizos aumentan en 359.083,31 euros respecto a 2025, debido ao encarecemento de subministros como gasóleo ou electricidade, así como ao incremento das tarifas nalgúns servizos prestados por empresas externas.

O orzamento aprobado mantén unha aposta firme pola dinamización social, turística e económica do municipio, potenciando os recursos propios, o turismo e os produtos locais, e poñendo en valor o patrimonio natural e arquitectónico de Guitiriz.

⚙ Configurar cookies
0.089053869247437